POLÍTICAS SOCIAIS

Volve o programa "12 doces do outono" con teatro familiar e gastronomía nos centros cívicos

16/10/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, presentou a terceira edición do programa 12 doces do outono, unha proposta familiar xa consolidada na rede de centros socioculturais na que se unen as representacións escénicas coa tradición gastronómica desta estación do ano. Con Concha Fernández estiveron Cristina Fiaño, de Urdine Teatro; Sofía Espiñeira, de Teatro ao Cubo, e a artista musical Sonsoles Penadique. O programa desenvolverase os domingos de novembro (5, 12, 19 e 26), con tres espectáculos por xornada.

Concha Fernández indicou que, con este programa, "conseguimos encher de contidos os domingos nos centros cívicos, ata o de agora os días de menor actividade na rede". Ademais, a concelleira incidiu en que 12 doces do outono ten o obxectivo de "promover o coñecemento dos centros cívicos por parte da veciñanza, porque a nosa rede é moi extensa e paga a pena visitar tamén os espazos que quedan máis afastados do noso ámbito, como poden ser os do rural".

Cristina Fiaño de Urdime Teatro, destacou a atención ao público familiar deste programa, sobre todo, porque liga actividades de teatro, circo e música coa gastronomía. Este ano contarase con novas inciciativas tanto de Galicia, como o espectáculo de Paco Nogueiras, como de Portugal, co grupo Mão Verde. Segundo Sofía Espiñeira, "o máis bonito é ver como o programa vai sumando xente e que se poidan achegar persoas mesmo aos centros do rural".

Sonsoles Penadique abrirá o programa con O pozo das señoras, un espectáculo que mestura contos e música e que fala de mulleres con carácter e do misterio do Samaín. Pola súa parte, Sofía Espiñeira, de Teatro ao Cubo, deu detalles da súa nova proposta, Hop, unha obra sobre os circos ambulantes de finais do século XIX e comezos do XX.

Tres espectáculos cada domingo de novembro
O programa 12 doces do outono terá espectáculos os domingos 5, 12, 19 e 26 de novembro, con sesións ás 12:30 e ás 18:00 horas. As actividades chegarán a doce centros socioculturais, tanto do ámbito urbano como da zona rural. Serán os centros do Ensanche, Conxo, Amio, Lavacolla, Castiñeiriño, A Gracia, Rocha, Marrozos, Laraño, Vite, Fontiñas e Santa Marta.

Ao remate das representacións, en cada un dos centros haberá unha degustación gastronómica. A elaboración dos doces corre a cargo dos propios centros socioculturais, que adoitan organizar obradoiros nos que participa a veciñanza. Trátase de coñecer os produtos que se poden elaborar cos produtos típicos do outono, como a cabaza, o marmelo, as castañas ou as peras.

Documentos relacionados



Compartir: