ALCALDÍA

Martiño Noriega reitera o compromiso municipal nas licitacións cos centros especiais de emprego

16/10/2017 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, participou no acto de presentación do programa Emprego con apoio que desenvolve a Federación Down Galicia. Xunto ao rexedor estiveron Delmiro Prieto, presidente de Down Galicia, e Francisco Silva, delegado de Iberdrola en Galicia.

Noriega defendeu a importancia do apoio institucional ás iniciativas de inserción laboral de diferentes colectivos sociais. Para o alcalde, "os concellos deben sensibilizar e dar exemplo tanto dende o emprego público, limitado agora polas taxas de reposición e limitación de contratación indirecta", como a través da contratación indirecta. Así, lembrou que "no Concello optamos por esta vía, que nos parece importante, e algunhas licitacións que ten que facer o mesmo Concello, como mantemento de xardíns ou conserxería, quedan reservadas para estes centros especiais de emprego. Desta maneira pódense realizar iniciativas como a de Down Galicia".

O rexedor animou a outras institucións a participare neste tipo de empregabilidade, porque "é unha vía importante a explorar, tendo en conta as licitacións externas que se teñen que complementar". Noriega tamén agradeceu a Down Galicia o seu labor de concienciación e demanda permanente, "porque é necesaria para a inserción laboral de homes e mulleres con Síndrome de Down".

Pola súa banda, Delmiro Prieto, presidente da Federación Down Galicia, agradeceu tanto a Iberdrola como á Xunta de Galicia e ao Concello de Santiago o apoio ás súas iniciativas de inserción. A última intervención foi a de Pamela, persoa que participou no programa e que describiu a súa experiencia persoal.

O obxectivo de Emprego con apoio é que as persoas con Síndrome de Down poidan ter un posto de traballo nunha empresa ordinaria. A preparación faise mediante o apoio dun preparador ou preparadora que vai formando a persoa coa Síndrome de Down no mesmo posto de traballo.

Compartir: