IGUALDADE

Compostela acolle o V Congreso sobre a feminización do Dereito

19/09/2017 Os vindeiros días 21 e 22 de setembro celebrarase en Santiago o V Congreso sobre a feminización do Dereito: Muller, Maternidade e Dereito. O encontro, que terá lugar na Facultade de Dereito, abordará o papel da muller e a súa maternidade dentro do Dereito español.

A concelleira de Igualdade, Marta Lois, presentou este Congreso e destacou que, aínda hoxe na universidade "o número de mulleres catedráticas é moito menor que o de catedráticos, un 22% mulleres, fronte a un 78% de homes". Sinalou que se cría que estes datos "mellorarían co paso do tempo, pero iso non aconteceu. Existe aínda unha fenda entre homes e mulleres dentro da universidade". Por iso, Lois remarcou a necesidade de denunciar a discriminación existente na universidade cara as mulleres.

Pola súa parte, a profesora Marta Otero, secretaria deste Congreso e vicedecana da Facultade de Dereito, relatou que o encontro tratará puntos como "a presenza demográfica da muller en diferentes áreas, como a economía, ou o seu dereito a procrear e a maternidade subrogada". Ademais, salientou "a participación de 100 investigadores e investigadoras. A metade xa enviaron candasúa comunicación para o relatorio do Congreso".

Finalmene, a directora do Congreso, a profesora María Paz García, apuntou que a día de hoxe "aínda é necesaria a feminización do Dereito privado, porque o Dereito non é neutral materialmente". Isto é así porque "non hai dentro do Dereito unha materia que estude a figura da muller". Un exemplo que puxo é "o feito de que a baixa por maternidade sexa tratada como unha invalidez ou unha doenza". Outro deses indicadores é que "mentres na carreira xudicial se entra por oposición, nos altos cargos éntrase a dedo", dixo María Paz García referíndose á inauguración do Ano Xudicial, onde todos eran homes.

O de Santiago é o quinto congreso sobre Muller e Dereito dende que comezaran a celebrarse en 2009 na localidade de Carmona (Sevilla).

Direccións relacionadas



Compartir: