FESTAS

O último fin de semana do Apóstolo tráenos o concerto de "Chané na Habana" e o Día do Traxe Galego

28/07/2017 As festas do Apóstolo van chegando ao seu remate cunha fin de semana ateigada de actividades e música. Haberá desfiles, automóbiles antigos e moitos e variados concertos.

A festa comeza o sábado ás 11:30 horas coa celebración do Día do Traxe Galego. A esa hora, a Alameda é o punto de saída do desfile de participantes que culminará na praza do Obradoiro. Alí serán recibidos polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega. A festa continúa de tarde coa concentración no parque de Bonaval ás 16:00 horas e o desfile ata a praza da Quintana.

O Obradoiro tamén será un foco de atención a partir das 13:00 horas, cando se celebrará unha concentración de coches antigos grazas ao Club Galego de Automóbiles Antigos. Á mesma hora terá lugar o concerto de Pumu Punku + Hellorice en Tras San Fiz de Solovio, onde haberá tamén comida vegana e vexetariana.

Ademais, teremos unha nova xornada do Torneo de Chave Festas do Apóstolo, así como dos Monicreques en ruta con Valle-Inclán. A Alameda, xa á noitiña, acollerá a actuación da orquestra Dluxe, mentres no Toural continuará o ciclo Compostela é! Música con Esposa.

Chané na Habana
Chané na Habana é unha homenaxe que xorde como iniciativa de aCentral Folque, coa colaboración da Deputación e dos concellos da Coruña e de Santiago de Compostela. Será precisamente esta cidade a que albergue o primeiro dos concertos previstos este sábado 29 de xullo, ás 22:00 horas, na praza da Quintana.

O espectáculo abrangue a totalidade da obra conservada do compositor galego, por primeira vez e dunha maneira inédita: dende o sentir musical cubano. O autor de clásicos como "Os teus ollos" ou "Un adiós a Mariquiña" viviu e desenvolveu gran parte da súa obra na Habana. En 2017, unha selección músicos de catro nacionalidades distintas, liderados polo pianista cubano Alejandro Vargas, abraza e reelabora o seu repertorio para devolvelo cunha nova vitalidade ao maxín popular galego.

Banda de Música e Treixadura
Xa o domingo, as actividades esténdense dende as 13:30 ás 23:00 horas. Comezamos coa sesión vermú na praza de Cervantes a cargo da Ukestra do Medio e continuamos coa penúltima sesión de Monicreques en ruta con Valle-Inclán. Tamén teremos dende as 14:00 e ata as 22:00 horas, en Tras San Fiz de Solovio, a Festa Dub con Mais Lume Kolektive e Guadaridub.

A Banda Municipal de Música actuará na praza da Quintana con Treixadura e Cantigas e Agarimos a partir das 22:00 horas. As invitacións para ver o espectáculo en cadeira xa están esgotadas, pero igualmente pode accederse á Quintana para ver o concerto de pé ou dende as escaleiras da propia praza.

Finalmente, o Toural acolle o concerto do do trío Nastasia Zürcher que achegan o mellor blues, funk e soul. A cita é a partir das 23 horas.

Direccións relacionadas



Compartir: