ALCALDÍA

O Concello lembra as persoas represaliadas tras o golpe de Estado de 1936 cun emotivo acto no antigo cárcere da Falcona

21/07/2017 O Concello de Santiago quixo lembrar na tarde deste venres o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 e as persoas represaliadas pola dictadura franquista. Así, organizouse un acto na antiga cárcere do Pazo de Raxoi, comunmente coñecida como Falcona, no que participaron María Rozas, tenente de alcalde; Antonio Míguez Macho, representante de Histagra, e Mila Bouzón, da asociación Iniciativa Galega pola Memoria.

María Rozas destacou a importancia de que "dende o Concello contribuamos a construír a memoria, que é sempre un exercicio de saúde democrática e garantía de que entre todos e todas poderemos construír un futuro colectivo mellor". Por iso dende o Concello de Santiago se levaron a cabo numerosas accións para facer memoria do acontecido. A máis salientable foi a exposición 80 anos. Santiago 1936, na que se mostraba como a vida ‘normal’ dunha cidade se viu truncada violentamente, xusto durante a celebración das súas festas. O Concello tamén colaborou no Congreso Internacional 1936 ¿Un novo relato? 80 anos entre historia e memoria, impulsado polo traballo do grupo Histagra.

"Tamén o ano pasado homenaxeamos, no cemiterio de Boisaca, ao alcalde accidental José Germán Fernández, fusilado no 1936 colocando unha placa que rendía homenaxe á súa memoria e á da Corporación democrática. No propio pleno de toma de posesión da actual Corporación, en xuño do 2015, o noso alcalde, Martiño Noriega, lembrou e reivindicou a memoria de Ánxel Casal, e hoxe e un retrato do alcalde republicano e galeguista, paseado, quen preside o despacho do alcalde de Santiago de Compostela", tal e como lembrou na súa intervención a tenente de alcalde.

Ademais o Concello publicou un caderno co título O soño roto. Educación, sociedade e política na Compostela republicana, que foi distribuído polas bibliotecas e centros de ensino de todo Santiago, e dous bandos da Alcaldía, no 25 de xullo, dedicados á memoria do 36. No 2015 lembrouse a Díaz Baliño e Díaz Pardo, no 2016 a María Miramontes e neste 2017 dedicaráselle a Xoán Xesús González.

Pola súa banda, Antonio Míguez Macho, representante de Histagra, fixo fincapé na importancia de salvar lugares como a Falcona "da amnesia voluntaria á que foron sometidos moitos espazos da violencia do 36". Nese sentido, lembrou que na antiga cárcere de Santiago "chegou a haber entre 300 e 400 presos simultáneamente despois do Golpe, e moitos deles só sairon do recinto para seren asasinados".

Finalmente, Mila Bouzón, da asociación Iniciativa Galega pola Memoria, apelou á responsabilidade "dos netos e das netas do franquismo para facermos un exercicio de memoria e non ser cómplices dun silencio que ven estando moi ben programado". Para ela, "non se pode pasar páxina sen antes tela lido", e por iso é fundamental que coñezamos cales foron os lugares da represión e da violencia na historia máis recente.

O acto, ao que asistiron representantes de todos os grupos municipais, rematou cunha breve actuación musical de de Pablo Dalama e Xan Pampín.

Compartir: