ESPAZOS CIDADÁNS

O proxecto "A miña cidade intelixente" chega a Santiago de Compostela

19/07/2017 Este mércores chegou á praza do Obradoiro o vehículo eléctrico co que o proxecto A miña cidade intelixente está percorrendo todo o Estado, impulsado pola Rede Española de Cidades Intelixentes á que pertence Compostela. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, foi o encargado de recibir a Eduardo Bustillo e Pablo Rodríguez, os dous xeólogos e socios de GEOCyL que van percorrer 82 cidades de todo o Estado co obxectivo de analizar e divulgar as iniciativas relacionadas coas smart cities.

Eduardo Bustillo explicou que a primeira edición do proxecto A miña cidade intelixente desenvolveuse en 2013, coa participación de trinta cidades. Agora son 82, "e cun concepto ampliado do que son as smart cities, que xa non se entenden unicamente como unha cuestión tecnolóxica, senón como algo máis enfocado á vida das persoas". O xeólogo explicou que nesta edición estase a facer unha aposta polo fomento do vehículo eléctrico "e de feito a expedición polas 82 cidades farase nun destes coches, que non producen contaminación atmosférica nin acústica".

Ao tempo, segundo apuntou Pablo Rodríguez, o vehículo leva incorporado un sistema de medición de ruídos, co obxectivo de facer un mapa da contaminación acústica durante a viaxe pola Rede Española de Cidades Intelixentes.

Aposta polo vehículo eléctrico
O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade explicou que o proxecto A miña cidade intelixente é "coincidente cos plans do Concello de Santiago, que tamén entende que as smart cities deben pensar primeiro nas persoas". Jorge Duarte sinalou que o Goberno tamén quere facer unha clara aposta polo uso do vehículo eléctrico.

Nesa liña, explicou que o Concello "vai comprar dous vehículos eléctricos que tivo cedidos durante un ano, e que se incorporarán ao parque móbil municipal, e tamén adquirirá este tipo de coches no próximo contrato para renovar parte dos vehículos da Policía Local". Ademais, reiterou que "o próximo contrato do transporte público incorporará autobuses híbridos". Por último, Jorge Duarte explicou que o Concello traballa para incorporar puntos de carga para vehículos eléctricos nos aparcadoiros públicos de Xoán XXIII e Belvís.

Compartir: