XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba o incremento da achega á Fundación Refuxio de Animais

23/06/2017 A Xunta de Goberno acordou hoxe modificar o convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e a Fundación Refuxio de Animais para este ano, co obxectivo de incrementar a achega municipal a esta entidade. Esa cantidade pasará de algo máis de 158.000 euros a 200.000 euros.
Ao tempo, a Xunta de Goberno autorizou o pago dun anticipo de case 71.000 euros, correspondente ao terceiro trimestre do ano.

Na reunión desta mañá, o executivo aprobou a convocatoria de subvencións para a instalación de infraestruturas e actividades promovidas por asociacións culturais e festas patronais, na modalidade de "axudas en especie". O gasto será dun total de 53.000 euros, 25.000 procedentes da área de Cultura e 28.000 da área de Festas.
A convocatoria establece tres modalidades de axudas: para eventos culturais ao aire libre, para eventos culturais en recintos pechados, e actividades de festas patronais. Terán un importe máximo de 2.000. 500 e 700 euros respectivamente. O prazo para presentar as solicitudes remata o 31 de outubro,

Subvencións
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se aprobou a solicitude de varias subvencións. Unha delas será a que a concellería de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo tramite diante da Consellería de Economía, Emprego e Industria para afrontar o 100% dos custos de varias accións formativas no Centro de San Xuáns de Aríns e no Cersia. A axuda solicitada é de case 180.000 euros.

As actividades formativas previstas teñen que ver con operacións de fontanería e calefacción, operacións auxiliares de montaxe de redes eléctricas, xestión contable e administrativa, xestión de recursos humanos e asistencia á dirección. Nelas poderán participar un total de 50 alumnos e alumnas.

Ademais, tamén a proposta da concelleira delegada de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo acordouse solicitar á Deputación da Coruña unha subvención de 130.000 euros para a celebración do evento Fairway 2017. O custo total do proxecto é de 260.000 euros.

Convenios
O executivo tamén lle deu luz verde esta mañá a varios convenios de colaboración. Así, aprobouse o acordo entre o Concello e a Asociación de Persoas Xordas de Santiago, que contempla unha achega municipal de 10.000 euros. Sen supoñer ningún custo para as arcas municipais, aprobáronse tamén os convenios coa asociación de animación sociocultural e tempo libre Circonove, e coa Asociación Cultural Tempo con Xeito.

A proposta da concelleira delegada de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde aprobouse a adhesión ao convenio de colaboración asinado entre a Axencia Tributaria de Galicia e a FEGAMP sobre a cesión de información de carácter tributario e dos demais ingresos de dereito público para a concesión de axudas e subvencións e a contratación coa administración.

Documentos relacionados



Compartir: