O alcalde anuncia axustes na delegación de competencias para o que resta de mandato

23/06/2017 O alcalde deu conta hoxe dalgunhas modificacións na delegación de competencias entre os concelleiros do Goberno, "co obxectivo de repartir e equilibrar as cargas de traballo, e de afrontar con novos folgos a segunda parte do mandato". Martiño Noriega adiantou que "os cambios na parte política irán tamén acompañados dalgunhas novidades no que ten que ver coa organización interna do Concello de Santiago".

O alcalde explicou que "ao longo dos últimos dous anos fomos comprobando que tiñamos catro grandes áreas sobrecargadas de traballo: a de alcaldía e as que ocupaban Branca Novoneyra, Jorge Duarte, e Marta Lois". A partir desa constatación, fixéronse algúns axustes na delegación das competencias "condicionados porque hai pouca marxe de manobra no Goberno con menos efectivos da historia do Concello", e tamén porque "estamos satisfeitos co funcionamento dun executivo formado por xente que chegou ao Pazo de Raxoi sen ter experiencia na administración local, enfrontándose a unha situación moi adversa, e funcionando relativamente ben".

Cambios nas delegacións
María Rozas seguirá ocupando a primeira tenencia de alcaldía e mantén as delegacións de Economía e Facenda, Persoal e Réxime Interno, ás que suma Contratación e Arquivo.

Jorge Duarte mantense tamén como segundo tenente de alcalde e concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, competencias ás que suma as de Participación e Relacións Veciñais que se viñan exercendo desde alcaldía. No que ten que ver con Espazos Cidadáns, as competencias de Obras e Mantemento pasan ao concelleiro Rafael Peña, que será edil de Medio Rural, Mantemento, e Obras para o Reequilibrio Territorial.

En canto a Marta Lois, será designada terceira tenente de alcalde. Mantense tamén como voceira do grupo municipal, coas competencias en Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo. As competencias en materia de Mercados, pasarán á concelleira Noa Morales, que conserva Mocidade, Deportes e Benestar Animal.

Concha Fernández conserva as competencias que ten na actualidade, Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, e consolida a delegación de Centros Socioculturais. Xan Duro suma as competencias de Innovación á concellería de Medio Ambiente e Convivencia e Manuel Dios mantén as delegacións que ten na actualidade, Educación e Cidadanía. En canto á alcaldía, seguirá sendo responsable de Lingua, Relacións Institucionais e Cultura e Festas, á espera da incorporación de Branca Novoneyra.

Estrutura interna do Concello
O alcalde explicou que estes axustes nas delegacións de competencias dos concelleiros irán acompañados dalgunhas novidades na estrutura interna do Concello. O primeiro, aprobado hoxe mesmo pola Xunta de Goberno, é o nomeamento de Xaquín Monteagudo como director da Asesoría Xurídica Municipal. Deste xeito, a Dirección de Área que viña ocupando queda liberada, e será ocupada ao longo do verán por outra persoa. Martiño Noriega incidiu en que "das seis direccións de área que había no Concello seguiranse mantendo só dúas ocupadas: a de Réxime Interior e Persoal e a de Urbanismo".

Nos próximos meses tamén se vai cubrir a Xefatura de Servizo da Área de Centros Socioculturais, Educación e Dinamización Social, creada na última modificación da Relación de Postos de Traballo do Concello.

O alcalde anunciou tamén o cese, mediante decreto asinado hoxe mesmo, da Xefa do servizo de Licenzas e Urbanismo, Berta Rosón. O posto será ocupado por outra funcionaria do departamento, Ana Prieto. Martiño Noriega explicou que a decisión responde "a unha ruptura de confianza porque a persoa cesada non estaba aplicando correctamente as instrucións pactadas nas Mesas de Hostalería, nin respectaba os convenios que o Goberno viña asinando con asociacións culturais da cidade para a celebración de actuacións de música ao vivo".

Compartir: