XUNTA DE GOBERNO

O Goberno local adxudica seis novos postos da Nave 5 da Praza de Abastos

26/05/2017 A Xunta de Goberno aprobou este venres a adxudicación do uso de seis novos postos da Nave 5 da Praza de Abastos, en concreto dos locais 2, 3, 4, 5, 9 e 10. Deste xeito, pasan a estar ocupados sete dos dez postos do recinto. O alcalde, Martiño Noriega, mostrou o seu convencemento de que "de cara ao verán, os locais da Nave 5 estarán adxudicados na súa totalidade, porque consta o interese de varias persoas para ocupar os tres postos aínda baleiros".

O rexedor volveu defender o modelo elixido para a Nave 5, "que non entra en competencia co sector hostaleiro, senón que aposta pola preparación dos produtos da propia Praza para consumir no exterior".

Comedores escolares
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe os prazos e o procedemento de admisión nos servizos de comedor e de madrugadores na rede de centros públicos de Educación Infantil e Primaria para o curso 2017-2018. A reserva de praza poderase facer entre o 2 e o 23 de xuño de 2017, ambos incluídos. A convocatoria é para os servizos de comedor e/ou madrugadores nos colexios Apóstolo Santiago, Cardeal Quiroga Palacios, As Fontiñas, Roxos, Vite, Mestre Rodríguez Xixirei, Monte dos Postes, Raíña Fabiola, Ramón Cabanillas e, só no servizo de madrugadores, no CEIP Arquitecto Casas Novoa.

O alcalde explicou que o Concello está á espera de aprobar o texto do convenio coa Consellería de Educación para sacar a licitación o servizo de comedores de cara ao próximo curso. Martiño Noriega confía en que esa aprobación se produza proximamente, porque o texto vén de ser recibido no departamento.

Aínda relacionado coa Concellaría de Educación e Cidadanía, hoxe tamén se aprobaron as listaxes definitivas de admitidos, excluídos e listaxe de agarda nas escolas infantís municipais de Conxo, Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños para o próximo curso.

Convenios
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe tres convenios de colaboración entre o Concello e cadansúa entidade de tipo cultural. Trátase, en concreto, dos acordos coa Asociación Cultural O Galo, que recibirá unha subvención de 2.000 euros; e coa Fundación Rosalía de Castro e coa Asociación do Traxe Galego, que percibirán 3.825 euros cada unha.
A proposta da concelleira de Políticas Sociais, tamén recibiu luz verde o convenio co Centro Cultural Xoán XXIII para o programa de mantemento dos servizos do albergue no ano 2017. O acordo supón unha achega do Concello de 60.000 euros.

Pago de horas extras
Outro dos acordos da Xunta de Goberno de hoxe foi a aprobación do pagamento de horas extraordinarias e plus de transporte de servizos municipais correspondentes aos meses de setembro, outubro e novembro de 2016. O alcalde explicou que estas "horas extras correspóndense fundamentalmente co persoal de seguridade e emerxencias, e a contía a abonar achégase aos 150.000 euros". Martiño Noriega cualificou de "sen sentido que os Concellos non poidan contratar novo persoal por mor da taxa de reposición, pero teñan que abonar enormes cantidades en concepto de horas extra para que os servizos poidan ser atendidos como deben".

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: