IGUALDADE E FACENDA

Santiago de Compostela participará en proxectos europeos por valor de 4,6 millóns de euros

23/05/2017 O Concello de Santiago participará no proxecto Wom@rts: Women’s Equal Share of Presence in the Arts and Creative Industries, da Comisión Europea, cuxo obxectivo é loitar contra a desigualdade de xénero no campo das artes e a cultura. Ademais o Concello vén de obter fondos por valor de 172.000 euros, ao ser aprobado pola UE o proxecto Atlantic Social Lab. Así o anunciaron este martes as concelleiras de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, e de Economía e Facenda, María Rozas.

Wom@rts, o proxecto, liderado polo Auditorio de Galicia, é unha das 15 iniciativas seleccionadas polo Programa Europa Creativa da Comisión Europea, entre 118 candidaturas, tras obter unha nota de 89/100.

Conta cun orzamento total de algo máis de 3 millóns de euros, e unha subvención europea do 50%, distribuídos entre unha rede de 10 socios de 8 países diferentes. Entre eles, ademais de Santiago, cabe destacar a Rede Escandinava de Mulleres Directoras de Cinema (WIFT); o Concello de Vilna (capital de Lituania); o Centro Audiovisual Simone de Beauvoir de París; a Mancomunidade de Angoulême, cidade francesa capital internacional do cómic; a Escola de Arte e Deseño de Limerick (Irlanda); a Rede de Festivais Literarios "Hai Festival"; a Facultade de Belas Artes de Rijeka (cidade croata Capital Europea da Cultura en 2020); o Museo de Belas Artes de Maribor (Eslovenia) e o Concello de Avilés, a través da súa Fundación Municipal de Cultura.

É a primeira vez na historia do programa Europa Creativa que se aproba un proxecto con liderado español. A través diso, a Comisión apoia unha iniciativa moi ambiciosa, que pretende en certa medida reverter as estatísticas moi negativas relacionadas coa presenza e o recoñecemento das artistas e das profesionais da cultura.

Para iso, e ao longo dos catro próximos anos (entre outubro de 2017 e outubro de 2021), Wom@rts promoverá unha series de accións enmarcadas en distintos grupos de traballo.

Entre os obxectivos do proxecto destacan a creación e promoción dunha carta magna en defensa de prácticas de igualdade de xénero na cultura e dunha rede de "Embaixador@s"; estudos; unha plataforma de promoción internacional para creadoras; a creación dunha organización de residencias artísticas nos campos dos gravados, do cómic e das artes dixitais; a inauguración e itinerancia dunha exposición conmemorativa do 70º aniversario da publicación da obra de Simone de Beauvoir O segundo sexo; clases maxistrais; cursos de formación para creadoras e emprendedoras culturais, ou a participación de artistas e intelectuais en diferentes festivais culturais internacionais, entre outros.

A concelleira destacou a importancia deste proxecto, así como "a relevancia de que sexa Compostela a cidade que lidere este programa e que o faga como primeira cidade do Estado en toda a historia do programa Europa Creativa. Trátase dun premio ao esforzo que está a facer este Goberno na captación de fondos externos para poder levar a cabo proxectos e programas de interese para a cidade".

Atlantic Social Lab
Atlantic Social Lab é proxecto enviado polo Concello de Santiago en colaboración cos de Avilés, Cork (Irlanda) e Pau (Francia), así como as entidades GCU, Enterprise North West, CRESS Bretagne (Francia) e CES-Coímbra (Portugal) e presentado á primeira convocatoria da Área Atlántica do Interreg. Ten como obxectivo testar políticas sociais innovadoras que sexan replicables noutras partes do continente.

O conxunto das nove entidades participantes conseguiu un total de 1.643.000 euros, dos cales Santiago recibiu 172.000. O proxecto de Santiago de Compostela ten por obxectivo estimular a participación nos procesos de Orzamentos Participativos que o Concello vén desenvolvendo dende 2015. María Rozas destacou que este financiamento "é un premio e un recoñecemento á aposta que fixemos dende o goberno polos procesos de participación directa que nos permitirá desenvolver orzamentos participativos practicamente a custo cero".

Entre os obxectivos que persegue este proxecto están: enriquecer e aumentar a participación entre a terceira idade e en zonas de poboación dispersa; aplicar novas tecnoloxías da información e da comunicación tanto nos procesos en liña por internet como especialmente nos presenciais; desenvolver contidos audiovisuais didácticos sobre os orzamentos municipais e os mecanismos de participación; elaborar procesos de decisión sobre gasto corrente e non só sobre investimentos e iniciar como parte dos procesos de OPs unha deliberación social sobre os ingresos municipais, a fiscalidade e a distribución da renda e da riqueza.

Compartir: