ALCALDÍA

A veciñanza do rural sur exponlle as súas demandas ao Goberno nun novo "Encontro ao vivo"

20/05/2017 O Goberno local mantivo hoxe un novo "Encontro ao vivo" coa veciñanza da zona rural sur, que inclúe as parroquias de Roxos, Laraño, Villestro, A Rocha e San Paio. Á reunión, celebrada no Centro Sociocultural de Villestro, acudiron máis de 60 veciños e veciñas deste ámbito.

O alcalde, Martiño Noriega, e a totalidade dos concelleiros e concelleiras do Goberno participaron no encontro, no que a cidadanía expresou as súas demandas. A maioría delas estiveron relacionadas coa mellora da rede viaria, o transporte público ou a situación na que se atopa o proxecto da Estación Depuradora de Augas Residuais.

Estrada Roxos-Reborido
Unha das demandas comúns da veciñanza que participou neste "Encontro ao vivo" foi a ampliación da estrada que une Roxos con Reborido, e que dependería da Deputación da Coruña. O concelleiro de Medio Rural e Equilibrio Territorial fixo un repaso pola tramitación deste proxecto, que se redactou no ano 2005 e que contemplaba unha partida para expropiacións de terreos.

Rafael Peña explicou que "os problemas coas expropiacións paralizaron o proceso no ano 2011 e, no ano 2014, o Goberno local optou por pedirlle á Deputación o desestimento da obra". O edil apuntou que o actual Goberno volveu reclamarlle á Administración provincial que execute esta actuación e, para axilizar os prazos, "acometerase unha primeira fase na que se ampliará a estrada aproveitando os terreos que son de titularidade pública, e deixarase a construción das beirarrúas para unha segunda fase, porque iso require a expropiacións de terreos e é un proceso máis longo". O proxecto, segundo adiantou Rafael Peña, será aprobado no pleno da Deputación da Coruña no mes de xuño.

SUNP-25 de Roxos
No "Encontro ao vivo" para a zona rural sur, o Goberno tamén recolleu moitas demandas relacionadas coa situación do SUNP-25 de Roxos, un polígono con licenza de primeira ocupación pero non recepcionado. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, explicou que ese é o motivo polo que o Concello non se pode facer cargo do subministro eléctrico do alumeado público, que é responsabilidade da Xunta de Compensación. O edil tamén adiantou que "está próximo a solucionarse a situación actual en relación ao saneamento, que obrigaba á veciñanza a asumir os custos da electricidade para o bombeo das augas fecais".

Pola súa parte, o concelleiro de Medio Rural adiantou que na próxima semana acometeranse as rozas na zona de Villestro, e aproveitarase para limpar as fincas municipais próximas ao polígono.

EDAR
A veciñanza da zona rural sur tamén manifestou a súa preocupación polo estado do proxecto da nova Estación Depuradora de Augas Residuais. O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, explicou que, nestes momentos, "o Goberno local está negociando para que a depuradora teña a mellor tecnoloxía posible e ocupe o mínimo espazo, pero garantindo que non se alonguen os prazos e se poñan en perigo os fondos europeos cos que se financiará a actuación". O edil lembrou tamén que "se está traballando para que o proxecto avance coa máxima garantía xurídica, e iso supón ter en conta ao Concello de Ames, que estará afectado pola infraestrutura, e que ata o de agora non puido posicionarse ao respecto".

Senda peonil en Figueiras
A veciñanza de Figueiras tamén demandou que se cumpra un vello compromiso: o acondicionamento dunha senda peonil entre esta parroquia e o Carme de Abaixo. O concelleiro Rafael Peña sinalou que, no ano 2009, aprobouse un proxecto "cun orzamento de 500.000 euros, pero que non chegaba a Figueiras". O edil de Medio Rural adiantou que "temos o compromiso político da Deputación de facer esta senda, chegando ata Figueiras". O proxecto seralle remitido ao organismo provincial nas próximas semanas.

No "Encontro ao vivo" desta mañá no CSC de Villestro abordáronse outras moitas cuestións, relacionadas coa mellora do transporte público, a posta en valor dos petróglifos da zona ou o funcionamento dos orzamentos participativos.

Compartir: