MEDIO AMBIENTE

O CIAC programa en maio unha exposición e unha xornada divulgativa sobre a contaminación luminosa

02/05/2017 O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC), situado en Belvís, dedicará o mes de maio á crecente problemática medioambiental da Contaminación Luminosa, a través dunha interesante exposición temporal e dunha xornada de divulgación que incluirá un obradoiro para nenas e nenos e unha charla coloquio para as persoas adultas. Rematará o mes cun dos habituais itinerarios interpretativos, nesta ocasión polas Brañas do Sar.

Do 10 de maio ao 3 de xuño, o CIAC albergará a exposición A contaminación luminosa, cedida pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío. Esta interesante mostra achéganos á complexidade desta problemática ambiental, á súa orixe e algunhas das súas consecuencias, así como ás solucións que se debería adoptar.

Este tema tamén será o que ocupe o sábado 13 de maio unha xornada de divulgación. Ás 12:00 horas, celebrarase un obradoiro denominado Pequen@s astrónom@s: sinxelas ferramentas para descubrir o ceo nocturno, para nenas e nenos, a partir de 7 anos, acompañados dunha persoa adulta. Será un achegamento ás dificultades para coñecer o ceo estrelado desde a cidade. Os/as participantes aprenderán o que se pode atopar nun ceo nocturno escuro coa axuda dun simulador e construirán algunhas sinxelas ferramentas para ir familiarizándose coas formas que fan as estrelas no ceo.

Xa pola tarde, ás 18:30 horas, haberá unha charla coloquio para abordar as consecuencias económicas, medioambientais e para a saúde humana da contaminación lumínica, así como as solucións que se deberían tomar. Para iso contarase coa participación de expertos que nos achegarán a esta problemática dende diferentes perspectivas: Salvador Bará (USC), Óscar Sánchez (Agrupación Astronómica Coruñesa Ío) e Lucía Giráldez (Calidade do Ceo Nocturno).

As dúas actividades son de balde pero para o obradoiro as prazas son limitadas, polo que é preciso inscribirse. Pode facerse a través do teléfono 981 543 145 ou do formulario online de inscrición.

Roteiro polas Brañas do Sar
A programación de maio do CIAC completarase co habitual roteiro interpretativo do último sábado de mes, que nesta ocasión será polas Brañas do Sar. Os/as participantes sairán ás 12:00 horas para descubrir os valores naturais, usos tradicionais e outras curiosidades deste fermoso entorno.

A actividade está dirixida a todos os públicos (nenos/as a partir de 7 anos). É de balde, pero é preciso inscribirse a través do teléfono 981 543 145 ou do correspondente formulario online.

Horario
Cómpre lembrar que, entre abril e setembro, o horario de apertura ao público do CIAC é: mércores, xoves e venres, de 11:00 a 14:00 horas; e sábados de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 20:00 horas.

Compartir: