XUNTA DE GOBERNO

Iniciada a licitación das obras de ampliación e mellora do viario da Cañoteira (Marrozos)

28/04/2017 A Xunta de Goberno acordou hoxe iniciar o procedemento de adxudicación das obras de ampliación do viario Cañoteira-Outeiro, na parroquia compostelá de Marrozos. A actuación ten un orzamento de máis de 380.000 euros, IVE incluído, procedente das obras do PAS 2015 da Deputación da Coruña. O alcalde, Martiño Noriega, resaltou a importancia deste proxecto "nunha parroquia con serios problemas de accesibilidade, relacionados coa presenza das vías do tren".

As obras pretenden adaptar o viario ás necesidades de tráfico da zona, permitindo o paso de autobuses ou vehículos de emerxencia. Na actualidade, o viario ten un ancho de entre tres e catro metros, e preténdese darlle unha amplitude uniforme de seis metros. Tamén se mellorará a calidade da capa de rodaxe, porque o pavimento actual presenta numerosas irregularidades, e modificarase a rasante en zonas puntuais.

O alcalde explicou que o que hoxe se inicia é "a licitación dunha primeira fase, pero o Concello xa está traballando na segunda fase deste proxecto, que se financiará tamén con cargo a fondos provinciais".

Centro Cívico do Romaño
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe unha proposta da Concellaría de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade para a apertura dun expediente por incumprimento de contrato á empresa construtora do Centro Cívico do Romaño. Tal e como explicou o alcalde, o Goberno pretende estudar as posibilidades de sancionar á empresa "que provocou un atraso dun ano na recepción das obras porque non quería asumir a reparación das deficiencias que se detectaron no edificio". Finalmente, esas deficiencias foron emendadas e o Concello recibiu a obra no pasado mes de febreiro.

Martiño Noriega sinalou que o Centro Cívico do Romaño, que xa conta tamén con mobiliario, podería abrir as súas portas no mes de setembro. Tal e como apuntou, a asociación de veciños ocupa outro espazo alugado polo Concello ata o mes de xullo, e o mes de agosto podería servir para facer o traslado dun centro ao outro.

Tamén en relación coa apertura de expedientes sancionadores, hoxe aprobouse o inicio do expediente á empresa que se encargou da instalación da iluminación de Nadal, por execución defectuosa e demora no contrato.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: