EDUCACIÓN E CIDADANÍA

A unidade didáctica "O soño roto" achegaralles aos escolares a historia republicana de Compostela

25/04/2017 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, acompañado de dous profesores da Facultade de Historia, Alfonso Iglesias e Emilio Grandío, deron a coñecer esta mañá a unidade didáctica O soño roto. Educación, sociedade e política na Compostela republicana.

Esta publicación é un traballo "dirixido ao alumnado dos institutos, mais tamén á veciñanza en xeral, para que coñezan a historia da nosa cidade". Como explicou o concelleiro de Educación, "é unha unidade didáctica enmarcada na serie Coñecer Santiago, cidade educadora. Este traballo achega a historia de Santiago durante os anos 1931 e 1936 dun xeito didáctico e ameno, acompañado por documentos fotográficos e anexos como ilustracións de Francisco Vázquez ou a listaxe dos concelleiros que formaron parte das corporacións republicanas.

Alfonso Iglesias valorou moi positivamente esta unidade didáctica, posto que "nos permite capturar una imaxe global da Compostela republicana e dunha etapa que adoita ser borrada". Este profesor insistiu tamén na idea de que "a República non supuxo en Santiago un cambio nos modos de vida, xa que se seguía camiñando pola rúa do Vilar ou a Alameda e se seguían celebrando festas como as do Apóstolo".

Pola súa banda Emilio Grandío, outro dos profesores responsables da unidade didáctica, puxo o foco na "recuperación do pasado dun xeito positivo e que teña relevancia para a veciñanza". O docente tamén apostou porque a cultura "estea viva e teña que ser comunicada".

Documentos relacionados



Compartir: