TURISMO

SantYaGo10K reserva dorsais para os peregrinos que cheguen a Santiago na fin de semana da carreira

25/04/2017 A concelleira de Turismo, Marta Lois, e o presidente do Club de Atletismo Fontes do Sar, José Antonio Juanatey, presentaron SantYaGo Peregrina, que permitirá que os peregrinos que cheguen a Santiago nos días previos ou no mesmo día da carreira nocturna de Santiago poidan inscribirse a participar na mesma na propia praza do Obradoiro.

A terceira edición de SantYaGo10K celebrarase o vindeiro seis de maio. A carreira comezará ás 22.00 horas en San Francisco. Os corredores comezarán a chegar á meta no Obradoiro a partires das 22:30 horas, logo de percorrer un circuíto lineal de 10 quilómetros homologado pola Real Federación Española de Atletismo, coa garantía de que a medición é completamente fiable. Deste xeito, a marca será válida para competicións oficiais.

Neste momento, a carreira conta xa con 1.300 persoas inscritas. A previsión é que se rolden as 2.000 persoas participantes, como nas dúas edicións previas. O prazo de inscrición remata o domingo 30 de abril, unha semana antes da propia carreira, para poder xestionar con tempo toda a loxística dos dorsais. A inscrición pode facerse de dous modos: presencialmente no Multiúsos Fontes do Sar, ou través de Internet na páxina da carreira, SantYaGo10k.es. O prezo en ambos os dous casos é de sete euros.

Nas dúas primeiras edicións da carreira houbo varias persoas que remataron o Camiño de Santiago nos días previos ou no mesmo día da carreira e que preguntaron na oficina de información de Turismo de Santiago e no posto da organización no Obradoiro como poderían apuntarse para participar unha vez que o prazo de inscrición estaba xa rematado. Dende a organización da carreira fíxose o posible para que puideran participar a maior parte delas, cos problemas loxísticos aparellados.

SantYaGo Peregrina nace precisamente para que poidan participar na carreira as persoas que rematan o Camiño de Santiago neses días, xa fóra de prazo de inscrición, e ao chegar a cidade descobren que hai unha carreira nocturna que percorre o casco histórico e remata na Praza do Obradoiro e queren participar nela.

A organización reservará 25 dorsais para os peregrinos que queiran participar en SantYaGo. Para inscribirse só terán que presentar a súa credencial de peregrino no posto que terá a organización da carreira na praza do Obradoiro o mesmo día da carreira. Dende a oficina de información de Turismo de Santiago tamén se informará desta posibilidade a todos os peregrinos que consulten durante eses días.

Direccións relacionadas



Compartir: