CONSORCIO

O recoñecido oboísta alemán Stefan Schilli formará a músicos galegos

24/04/2017 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes noveis. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. A vindeira semana contarase coa presenza do aclamado oboísta alemán Stefan Schilli. Xunto ao alumnado da Escola, tamén poden asistir intérpretes externos ao centro.

As clases celebraranse o martes 2 de maio pola tarde, de 15:00 a 19:00 horas; e o mércores día 3 de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Os músicos que desexen participar nestas sesións poderán matricularse a través da páxina web da Escola: www.eaem.es. Os/as aspirantes deben estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio de música. A selección farase por rigorosa orde de presentación de solicitudes.

Stefan Schilli estudou nas Escolas Superiores de Música de Trossingen e Karlsruhe (Alemaña) antes de ser nomeado oboísta solista da Orquestra Sinfónica da Radio Bávara en 1991, cando tan só tiña 20 anos de idade. En 1996 gañou o Concurso Internacional da Primavera de Praga e o Concurso de Música ARD, despois de obter o Premio Nacional de Música de Alemaña en 1993.

Como solista ten tocado cos directores máis recoñecidos. Realizou frecuentes xiras polo sueste asiático, Estados Unidos, Rusia e toda Europa. Ademais, foi profesor na Universidade Mozarteum de Salzburgo. Gravou varios CD e realizou numerosas gravacións para a televisión.

Durante moitos anos, o músico dedicouse tamén a actuar con óboes históricos e é membro fundador do conxunto barroco L’Accademia Giocosa, que foi premiado co prestixioso Diapason d’Or pola súa gravación de obras instrumentais descoñecidas.

Compartir: