ALCALDÍA

O presidente de Cabo Verde visita o Pazo de Raxoi

24/03/2017 O alcalde, Martiño Noriega, presidiu hoxe a recepción oficial, no Salón Nobre do Pazo de Raxoi, ao presidente da República de Cabo Verde, Jorge Carlos de Almeida Fonseca. Ao acto asistiron os tenentes de alcalde, María Rozas e Jorge Duarte, os voceiros dos tres grupos municipais da oposición, e membros da delegación caboverdiana.

O alcalde compostelán lembrou os elementos de unión e amizade entre Galicia, e en especial entre a súa capital, e Cabo Verde. Martiño Noriega salientou que a principal illa de Cabo Verde leva o nome de Santiago, e incidiu tamén "no amor común dos dous pobos polo mar e polo Océano Atlántico".

O rexedor referiuse á comunidade caboverdiana que vive en Burela, e lembrou que a recente visita do alumnado dun colexio desa localidade a Santiago "demostrou que os burelenses descendentes de caboverdianos son uns máis, galegos e galegas ao tempo que caboverdianos e caboverdianas". Martiño Noriega tamén reivindicou que "a lingua é outro elemento clave de unión entre os nosos pobos", posto que Compostela é "a capital do país berce da lingua que hoxe tamén é a de Cabo Verde".

Reforzar os lazos de cooperación
Pola súa parte, o presidente de Cabo Verde explicou que esta non é a primeira vez que visita Santiago, e confesou que a primeira vez que o fixo pareceulle "tan bonita que andaba polas rúas con moito coidado por temor a estragalas". Jorge Carlos de Almeida Fonseca mostrou o seu desexo de que esta visita "contribúa ao mellor coñecemento entre o pobo caboverdiano e galego, e a incrementar a cooperación entre os poderes locais e as universidades".

Tamén apostou por seguir explorando vías de colaboración entre o seu país e Compostela e, nesa liña, recoñeceu a súa aposta porque a conexión aérea directa entre Santiago e a illa de Sal que funcionará entre o 20 de xullo e o 31 de agosto deste ano se manteña no tempo para "estreitar os lazos de amizade e as relación comerciais e institucionais".

Despois dos discursos e do intercambio de agasallos, o alcalde Martiño Noriega e o presidente de Cabo Verde, mantiveron un encontro privado.

Compartir: