TURISMO

O actor Paul Blake, que participou na primeira película de "Star Wars", estará en Santiago no desfile de fans da saga

09/03/2017 O próximo 27 de maio, Santiago acollerá un novo desfile de fans de Star Wars, que percorrerán as rúas de Compostela caracterizados das súas personaxes favoritas da saga. Neste desfile está confirmada a participación de Paul Blake, actor británico que fixo o papel de Greedo na primeira película da serie.

Paul Blake asinará autógrafos o día do evento, polo que calquera afeccionado a Star Wars poderá contar cun documento manuscrito asinado por un actor participante na primeira película da serie, que supuxo un punto de inflexión na historia do cine de ciencia ficción. A recadación que se consiga doarase á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia.

O 21 de maio do 2010, Santiago acolleu o seu primeiro desfile de Star Wars, con motivo do 30 aniversario de O Imperio Contrataca. Un grupo de persoas organizou aquel evento, que foi un éxito de participación, con máis de 20.000 asistentes. A partires daquel evento naceu a Tropa Korriban, asociación de fans de Star Wars de Galicia.

Dende o 2010, a Tropa Korriban ten organizado e participado en multitude de eventos arredor do da saga de Star Wars, entre os que destacan visitas solidarias a hospitais infantís, desfiles en festas e outros eventos lúdicos e culturais. No 2013 organizou o segundo desfile de Star Wars en Santiago, neste caso para celebrar o 30 aniversario de O retorno do Jedi.

Neste terceiro desfile celebrarase o 40 aniversario da estrea da primeira película da saga de Star Wars, que se proxectou por primeira vez no 1977 e coa que George Lucas comezou a crear un universo con millóns de seguidores.

Para esta conmemoración, a Tropa Korriban convocará a asociacións e fans de Star Wars de toda España e doutros países, así como ao público en xeral, con caracterizacións dos distintos personaxes da saga de películas e o seu universo expandido. O evento incluirá unha homenaxe á actriz Carrie Fisher, que encarnou á Princesa Leia.

Deste xeito, os membros da Tropa Korriban e de moitos outros colectivos de fans, desfilarán polas rúas do Casco Histórico de Compostela caracterizados como os personaxes dos filmes de George Lucas. Trátase dun evento lúdico, sen ánimo de lucro, e que conta co apoio do Concello de Santiago. Todas as persoas que desexen participar poden atopar máis información en: www.imperialstormtroopers.es.

Compartir: