ALCALDÍA

O Centro Sociocultural das Fontiñas acolle o sábado o primeiro "Encontro ao vivo"

23/02/2017 O Centro Sociocultural das Fontiñas acollerá o próximo sábado, a partir das 11:30 horas, o primeiro Encontro ao vivo, organizado polo Goberno local para completar os procesos de participación que ten impulsados e para render contas de xeito directo coa veciñanza.

A primeira xuntanza está pensada para a área Urbana Nordés de Compostela, que abrangue as zonas de San Pedro, Belvís, Fontiñas, Viso, Camiño Francés, Monte dos Postes, San Lázaro e Amio. No Encontro ao vivo farase un repaso polos datos da auditoría cidadá que foi elaborada no primeiro ano e medio de mandato a partir das suxestións tanto das asociacións e colectivos veciñais como de veciños e veciñas a título individual.

O alcalde, Martiño Noriega, e todas as concelleiras e concelleiros do Goberno local darán conta das demandas que se teñen entendido e explicarán os motivos de non ter respondido a algunhas outras. Despois, os/as asistentes poderán falar para formular novas demandas ou expresar as súas opinións. Para garantir que todos os/as asistentes teñan a oportunidade de falar, os Encontros ao vivo estarán dirixidos por profesionais da mediación, que medirán tempos e favorecerán a diversidade de todas as achegas. Tamén haberá intérprete da lingua de signos e un servizo de conciliación, para facilitar a asistencia de toda a veciñanza.

Nove Encontros ao vivo ao longo do ano
Os Encontros ao vivo son un novo paso na aposta pola participación cidadá que fai o Goberno local. Estas xuntanzas completan os procesos iniciados coa auditoría cidadá elaborada a partir das ducias de reunións mantidas coas diferentes asociacións de Compostela, e coa posta en marcha dos orzamentos participativos.

O obxectivo é abarcar todo o territorio de Compostela con estes actos, e por iso están planificados nove Encontros ao vivo, seis en áreas urbanas e tres en áreas rurais. En cada un deles, agruparanse varios barrios ou parroquias, de xeito que se poderán tratar temas concretos que lles afecte á súa veciñanza, ou asuntos de interese para o conxunto da cidade. As xuntanzas serán sempre en sábado pola mañá, en principio o último ou o penúltimo sábado de cada mes e na medida do posible na rede de centros socioculturais.

Para o mes de marzo, o sábado 25, está previsto o segundo Encontro ao vivo, neste caso para a zona Rural Norte, que agrupa as parroquias de Bando, Sabugueira, Carballal, Enfesta, Cesar, Barciela, Marantes, Nemenzo, Busto, Verdía, A Gracia, A Peregrina, Grixoa, San Xoán de Fecha e Santa Cristina de Fecha. En abril, celebrarase unha xuntanza coa veciñanza da zona Urbana Sureste (Sar, Pontepedriña, Restollal, Lamas de Abade e Castiñeiriño).

Compartir: