CONSORCIO

A RFG toca por primeira vez en España o "Concerto para frauta, percusión e cordas" do suízo Daniel Schnyder

22/02/2017 A Real Filharmonía de Galicia vai ofrecer dous concertos esta semana. O primeiro terá lugar este xoves en Santiago, no Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas. O venres, a orquestra desprazarase a Vigo, onde tocará no Teatro Afundación, tamén ás 20:30 horas. En ambas as actuacións levará a batuta o director titular e artístico da agrupación, o mestre Paul Daniel.

A orquestra estreará en España o Concerto para frauta, percusión e cordas do compositor e saxofonista suízo Daniel Schnyder (1961), moi coñecido pola composición de bandas sonoras para películas. A obra será interpretada polo frautista principal da RFG, Laurent Blaiteau, e polo seu timbal, José Vicente Faus.

Laurent Blaiteau naceu na cidade francesa de Angers en 1971. Formouse en Stuttgart e Xenebra. Ao longo da súa carreira actuou con orquestras como a Filharmónica de Montecarlo, Orquestra de Cámara de Stuttgart, Orquestra do Festival de Schleswig-Holstein (Alemaña), Bach Collegium... Participou en concertos de música de cámara xunto a recoñecidos solistas e actuou como solista baixo a batuta de prestixiosos directores como Jesús López Cobos, Helmuth Rilling, Frans Brüggen ou Antoni Ros Marbà, entre outros. Dende a súa creación é o frauta principal da Real Filharmonía de Galicia e profesor na Escola de Altos Estudos Musicais.

José Vicente Faus naceu en Manises (Valencia) en 1972. Estudou no Conservatorio Superior de Música de Valencia e no Conservatorio Superior de Música de Zaragoza. Posteriormente formouse en Berlín. Foi profesor do Conservatorio de Música da Rioxa e do Conservatorio de Música de Calahorra. Actuou con orquestras como a da Cidade de Granada ou a da Cidade de Oviedo; e colabora asiduamente coa Orquestra Sinfónica do Principado de Asturias, a Orquestra Sinfónica de Castela e León e a Orquestra de Cadaqués. É timbal da RFG e profesor na Escola de Altos Estudos Musicais.

Ademais desta estrea, o público terá a oportunidade de escoitar fragmentos da obra Catfish Row: Suite de Porgy and Bess, do compositor estadounidense George Gershwin (1898-1937). Os concertos concluirán coa Sinfonía nº 9, coñecida como "Do novo mundo", de Antonín Dvorák (1841-1904).

Charla previa co director Paul Daniel e os solistas no concerto de Santiago
Antes da celebración do concerto deste xoves en Santiago, o público asistente terá a oportunidade de manter unha charla previa co director Paul Daniel, co frautista Laurent Blaiteau e co timbal José Vicente Faus. Será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia Convers@ndo con, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Compartir: