FACENDA

Facenda porá en marcha unha oficina de atención aos contribuíntes afectados pola regularización catastral deste 2017

22/02/2017 A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, comunicou esta mañá que a Dirección Xeral de Catastro, dependente do Ministerio de Facenda que dirixe Cristóbal Montoro, decidiu poñer en marcha un proceso de regularización catastral que comezará a notificar no vindeiro mes de marzo ás e aos contribuíntes afectados.

María Rozas lembrou que xa no mes de outubro informou desta regularización, da que o Concello tivo máis detalles a semana pasada tras unha reunión que mantivo a concelleira de Facenda coa Xerencia de Catastro na Coruña. "A Dirección Xeral de Catastro –engadiu- está a facer unha regularización catastral en Santiago, dentro do marco do plan de regularización 2014-2017 e revisará aqueles inmobles que non están contribuíndo polo valor que deberían". Isto pode ser ben porque non pagan o IBI ou ben porque o fan nunha contía menor.

Por iso, indicou a concelleira, "aqueles inmobles que estean nunha situación normalizada non sufrirán ningún tipo de modificación no seu recibo do IBI". De feito e segundo indicou Catastro ao Concello, son aproximadamente 8.000 inmobles os que se verán afectados en Santiago, a maior parte deles pequenas construcións de baixo valor no recibo.

Atención especializada
A concelleira de Economía e Facenda destacou que esta decisión foi tomada pola Dirección Xeral de Catastro, pertencente ao Estado e que, polo tanto, "nós como Concello non temos competencias. O que si podemos e debemos facer é informar á veciñanza desta regularización".

Ademais, o Goberno local vai cumprir o compromiso adquirido no proceso de negociación de orzamentos e todo o que se recade no rural con motivo desta regularización catastral será integramente repercutido no propio rural de Compostela. Tamén se creará e porá a disposición da veciñanza unha oficina de atención especializada para dar información do proceso, facer de intermediarios con Catastro e axudar (no caso de que o veciño ou veciña queira) a presentar alegacións. Botará a andar no mes de marzo en canto as notificacións de Catastro cheguen ás persoas afectadas e estará operativa durante os catro meses que dure o proceso de regularización catastral.

Compartir: