XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno adxudica o mantemento e reparación das instalacións dependentes do Concello de Santiago

20/01/2017 A Xunta de Goberno aprobou hoxe a adxudicación, a Espina y Delfín, do contrato de conservación, reparacións e pequenas reformas en instalacións dependentes do Concello de Santiago. En total, vanse investir máis de 630.000 euros ao longo do ano.

O contrato inclúe actuacións en instalacións dependentes do departamento de Educación (400.000 euros), dos servizos xerais municipais (90.000 euros), e en instalacións deportivas (68.000 euros). Tamén se destinarán uns 44.000 euros a actuacións en centros e locais socioculturais, 24.000 euros a instalacións de Benestar Social, e 4.000 euros a unha pequena actuación na Casa das Asociacións.

Outros acordos
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe a programación de actividades na rede de centros socioculturais para o primeiro trimestre do ano, ata o 31 de marzo. O gasto previsto é de 35.000 euros, e prevese un ingreso de 14.497 euros.

A proposta da concelleira delegada de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, o Executivo local aprobou un novo expediente para a concesión de postos na nave 5 da Praza de Abastos. En concreto, neste procedemento inclúense sete locais, con canons de 12.024 euros, 18.036 ou 24.048 euros, en función do seu tamaño.

Por último, a Xunta de Goberno rexeitou hoxe as alegacións presentadas pola empresa Catering Perea Rojas contra o expediente aberto despois de que rexeitara asumir o contrato do servizo de comedores escolares para os cursos 2015-2016 e 2016-2017 tras ser a gañadora no concurso aberto. Deste xeito, acórdase declarar a prohibición de que esta empresa contrate co Concello de Santiago por un prazo de dous anos.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: