TURISMO

Santiago recibe o premio Trivago ao destino con mellor reputación online

20/01/2017 A cidade de Santiago recibiu hoxe o premio ao destino con mellor reputación online, que entrega o buscador de prezos de hoteis Trivago. Foi nun acto celebrado no marco da Feira de Internacional de Turismo, Fitur, no que participaron o alcalde, Martiño Noriega; a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois; a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil; a presidenta de Turismo de Galicia, Nava Castro; e a presidenta da asociación Hostalería Compostela, Sara Santos.

O alcalde aproveitou a entrega do premio para darlles as grazas ao sector hostaleiro e aos viaxeiros que veñen a Santiago "por esta distinción cualitativa para unha cidade tan acolledora como a nosa". Para Martiño Noriega, a distinción de Trivago demostra que "ademais do atractivo dos recursos patrimoniais, culturais e gastronómicos de Santiago, a cidade ten outro atractivo que ten que ver cun sector profesional que presta un servizo de excelencia".

Nesa liña, a presidenta de Hostalería Compostela, Sara Santos, reiterou o seu compromiso de "seguir traballando para mellorar a calidade e conseguir que os viaxeiros repitan en Compostela". Pola súa banda, o portavoz de Trivago España, Alberto Calcerrada, sinalou que "o portal quere poñer en valor o esforzo dos hoteleiros de Santiago por responder ás necesidades dos viaxeiros, e polo bo uso que fan das ferramentas que lles ofrecen as plataformas online para estar á cabeza do sector".

Santiago, por riba de cidades como Kioto, Varsovia ou Lisboa
Os Trivago Online Reputation Awards naceron co obxectivo de recoñecer o bo traballo dos hoteleiros, xa que a reputación online é un dos factores que máis inflúe tanto na decisión de compra dos viaxeiros como na creación dunha imaxe de marca sólida dun aloxamento e, por extensión, dun destino.

O estudo de reputación online realizado por Trivago mostra a valoración da planta hoteleira dun destino, e obtense a partir de todas as opinión deixadas por viaxeiros en Internet ás que ten acceso Trivago. Na análise tivéronse en conta máis de 9.000 cidades de todo o mundo, e un total de máis de 200 millóns de opinións. Santiago obtivo unha puntuación de 83,72 puntos, por riba de cidades como Kioto (83,4),Varsovia (83,38), Lisboa (83,16) Bogotá (82,81) ou Whashington D.C (82,44).

Compartir: