PLENO

Luz verde do Pleno ao Pacto Local pola Mobilidade

19/01/2017 O Pleno da Corporación aprobou esta tarde unha declaración institucional pola que se lle dá luz verde ao Pacto Local pola Mobilidade. Este documento, consensuado polos catro grupos municipais, é o resultado do traballo que comezou en novembro de 2015 e no que tamén participaron diferentes colectivos da cidade, como asociacións veciñais, de empresarios, ou de taxistas.

O Pacto Local pola Mobilidade pretende ser unha guía para todas as accións que acometa o Concello relacionadas coa mobilidade, as novas liñas de transporte público, a regulación do aparcamento ou obras de reurbanización. O Pacto supón, segundo explicou o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, "un cambio de prioridades á hora de pensar a cidade, de forma que o primeiro que se teña en conta sexan as persoas, e non o vehículo privado ou o aparcamento, como ata agora". O edil explicou que, con este texto, "todas as actuacións que teña en marcha o Goberno priorizarán os desprazamentos a pé, en bicicleta e en transporte público, por riba do vehículo privado".

O Pacto Local pola Mobilidade define oito principios xerais:

1. Polo dereito á cidade
2. Por unha cidade inclusiva e accesible
3. Por unha cidade saudable e ecolóxica
4. Pola soberanía enerxética
5. Pola seguridade
6. Por unha cidade de proximidade
7. Pola garantía do dinamismo económico
8. Pola integración de todos os colectivos e administracións

Modificación da Ordenanza Especial de Galeras
A Corporación tamén lle deu luz verde á modificación da Ordenanza Especial OE-5 de Galeras, correspondente ao ámbito do antigo Hospital Xeral. O acordo contou cos votos favorables de Compostela Aberta, PP e PSOE e a oposición do BNG.

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade mostrou o seu desexo de que este trámite "permita que a Universidade de Santiago, propietaria do inmoble, atope unha saída para o edificio e se poña fin ao seu abandono dende hai máis de 15 anos".

Jorge Duarte explicou que a modificación supón a incorporación de novos usos terciarios como permitidos na parcela, tal e como se comprometera o Concello nun convenio asinado coa USC a primeiros de 2015. O acordo adoptado hoxe supón que o edificio poderá ter usos socioculturais, docentes, comerciais e de oficina, sempre que eses usos terciarios non dotacionais non superen o 50% da superficie do edificio. Deste xeito, queda garantido o uso asistencial e residencial comunitario no 50% restante do edificio. Ademais, queda especificado que o uso comercial tería que limitarse á planta baixa, e non poderá ter a configuración de "galería comercial". Por último, a modificación da Ordenanza Especial OE-5 de Galeras supón a incorporación do edificio do antigo Hospital Xeral ao catálogo de Bens Culturais do PXOM.

Outros acordos
No Pleno tamén se aprobaron por unanimidade dúas proposicións do PP, unha para actualizar o inventario de fontes públicas, planificar a súa recuperación e elaborar unha ordenanza sobre a xestión e uso eficiente da auga; e outra para a elaboración dun plan de sendas peonís no territorio municipal. A instancia do BNG, aprobouse unha proposición relativa a mellorar os futuros procedementos de contratación das festas. A proposta recibiu o respaldo dos catro grupos da Corporación.

Compartir: