IGUALDADE

Remata o proceso participativo para deseñar o Plan de Igualdade de Xénero do Concello

14/12/2016 A Concellaría de Igualdade celebrou onte na Casa das Asociacións de Benestar Social (CABES), un Foro dirixido aos colectivos e entidades de mulleres participantes no deseño do IV Plan de Igualdade de Xénero do Concello de Santiago.

A concelleira de Igualdade, Marta Lois, quixo agradecer "aos colectivos feministas a alta implicación ao longo do proceso. "O desexo é –engadiu- que o próximo Plan de Igualdade inclúa o máximo número das demandas e necesidades propostas durante o proceso".

Ao longo destes últimos meses conformáronse diferentes mesas de traballo onde se formularon as propostas e medidas para o deseño do IV Plan de Igualdade do Concello. En total, foron cinco as mesas deseñadas dentro do proceso participativo, no que participaron máis de 50 mulleres e entidades.

Lugar de encontro
O Foro celebrado onte serviu para o intercambio de ideas e para facer unha posta en común do traballo das mesas. Ademais, foi un espazo para o encontro de colectivos e entidades, avanzando de cara á redacción dese Plan de Igualdade.

A xornada de traballo tivo un broche de ouro inmellorable grazas á actuación das poetas Aladaolado, con María Lado e Lucía Aldao.

O encontro estivo presidido por Marta Lois e tamén acudiron cerca de 40 entidades e colectivos, ademais das representantes dos grupos municipais. Unha vez rematado o proceso participativo o IV Plan de Igualdade, comeza unha fase de contraste técnico e deseño do desenvolvemento das medidas.

Compartir: