NADAL

Arranca Divernadal, un espazo de xogos no que as e os máis novos son os protagonistas

07/12/2016 O Pazo de Congresos acolle dende mañá día 8 e ata o 11 de decembro o Divernadal, un lugar de encontro para as familias onde os e as máis peques da casa son os grandes protagonistas. Pretende ofertar un espazo lúdico educativo con todo o encanto do Nadal, facendo fincapé na experimentación a través dos sentidos.

Trátase dun espazo deseñado para a atención á infancia (2-12 anos). Un espazo lúdico educativo dedicado ás familias, onde poidan gozar das vantaxes dun gran parque do Nadal, cun programa con moitas actividades e recursos especialmente seleccionados para esta ocasión, baixo un criterio constructivista. Un espazo interxeracional onde nenos e nenas mais tamén maiores descubran esa maxia que sempre se esperta nas datas próximas ao nadal, nesta ocasión, a través do xogo.

Divernadal ofrece diferentes áreas onde podemos gozar do xogo libre, participar nos diferentes talleres ou nos xogos dirixidos que continuamente propoñen os e as monitoras.

Completo programa
Dentro destas xornadas de Divernadal teremos varias actividades. "A cociña viaxeira" ofrécenos deliciosos talleres de repostaría de Nadal con área de xogo simbólico (cociñas alimentos, supermercado...). Proba os superbatidos que poderás facer grazas a Bico de Xeado, ou as deliciosas galletas e cupcakes cos mellores ingredientes proporcionados por Gadis.

As actividades de artes plásticas inclúen unha variedade de talleres combinando texturas, formas, cores... Comprenden entre as principais actividades a pintura, o modelado, debuxo, e arte mural. Poderán participar nesta área libremente ou a través dos talleres onde se ensinarán técnicas e construirase unha chea de cousas. Esta área conta cun espazo de lectura e xogos de mesa.

Divernadal conta tamén cunha área de inchables para diferentes idades, para xogo individual e colectivo, para o xogo libre ou para participar nas gyncanas deportivas. E, como non, área de xogos tradicionais e populares. Conteñen un gran valor sociocultural e teñen unha dimensión lúdico educativa como xeradores de situacións de convivencia e cooperación en grupo.

Artes escénicas: un espazo para a expresión oral, corporal e facial a través de play roll, xogo simbólico e dramático. Entre as actividades programadas contaremos con contacontos, monicreques, taller de teatro e clown, cantabaila, pintacaras e unha chea de recursos para explorar libremente.

No Pazo de Congresos contaremos cun bosque máxico: un espazo creativo e recreativo ideado para os máis pequerrechos, con xoguetes, xogos, construcións e inchables adaptados. Tamén se traballará o corpo e a natureza grazas aos talleres impartidos por Quérote+ e a seguridade nas redes sociais.

Finalmente haberá unha área confort con cafetaría, degustación de produtos Clesa e Feiraco, microondas para biberón e merendeiro, e algunha tentación de Nadal a cargo dos nosos colaboradores (servizos adaptados onde atender aos bebés).

O horario é de 11:00 a 14:00 horas polas mañás e de 16:30 a 20:30 polas tardes. O prezo é de 2,50 euros para as persoas adultas e de 5 euros para nenos e nenas. Os bebés de menos de 2 anos teñen entrada gratuita.

Compartir: