EDUCACIÓN E CIDADANÍA

A película "Ma vie de Courgette" protagoniza Cineuropa Infantil

23/11/2016 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, e o director de Cineuropa, José Luis Losa, presentaron un novo programa dentro do festival, que nace con vocación de permanencia aproveitando o trixésimo aniversario desta cita cinematográfica.

"Cineuropa Infantil permitirá a alumnado dos colexios e institutos da cidade achegarse ao mundo audiovisual con outra mirada, para aprender os códigos da linguaxe específica do cinema", explicou o concelleiro Manuel Dios. Ademais, esta iniciativa quere contribuír a "unha mellor educación para a convivencia, dende a perspectiva de que o cinema é un extraordinario recurso educativo, particularmente en relación cos valores cívicos e democráticos contemplados na Declaración Universal dos Dereitos Humanos".

Esta iniciativa está dirixida a alumnos e alumnas de 5º ou 6º de Primaria, que se achegarán ao Teatro Principal o xoves 24 e o venres 25 para visionar a película de animación francesa titulada Ma vie de Courgette, subtitulada en español ou galego. A actividade non só consistirá no seu visionado, senón que o Departamento de Educación e Cidadanía adxuntou aos centros escolares unhas secuencias para traballar na aula tanto antes como despois de ver o filme.

Tal e como destacou o concelleiro de Educación, trátase dunha primeira edición desta iniciativa, de tal xeito que "no futuro serán máis as películas seleccionadas para distintas idades, de tal maneira que poderán achegarse alumnos e alumnas doutros niveis educativos".

Ma vie de Courgette
En palabras de José Luis Losa, Ma vie de Courgette é un achegamento a infancias malparadas – as desfeitas emocionais dos seus protagonistas son dignas de El Caso – para, a partir de aí, propulsar unha historia de reparacións afectivas, de empatía de grupo, de reconstrucións propulsadas pola mirada en tenra stop-motion de Courgette.

A película está centrada nun neno de 10 anos alcumado Courgette (cabaciña en galego), que é enviado a un orfanato trala morte da súa nai. A historia narra como superará as dificultades e se integrará neste novo ambiente cun pequeno grupo de nenos maltratados, como el, pola vida.

O filme, coproducido por Francia e Suíza, ten unha duración de 66 minutos e pertence á Sección Oficial do Festival. Ademais dos pases para o alumnado dos centros públicos de Compostela, haberá dous pases para público en xeral o sábado 26 e o domingo 27, ás 16:45 horas.

Ma vie de Courgette recibiu o Premio do Público no Festival de Annecy neste ano 2016.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: