EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Éxito do obradoiro de tallado de calacús organizado pola Concellaría de Educación

22/10/2016 Esta mañá desenvolveuse unha nova actividade das programadas co fin de recuperar a festa do Samaín, unha celebración asociada ao ciclo anual do sol que xa forma parte do Patrimonio Inmaterial de Galicia. A Concellaría de Educación e Cidadanía, a través dos centros de ensino convocara as familias a participar nun obradoiro de tallado de calacús ou caveiras de cabaza, dirixido polo mestre Rafael López Loureiro, que leva dende hai moitos anos realizando un teimudo labor de recuperación e dignificación desta tradición galega.

O orballo que acompañou a realización do taller non impediu que moitos nenos e nenas puideran aprender a tallar as súas cabazas e levalas para súa casa coa condición de que pola noite as iluminen con candeas. O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, tampouco quixo perderse o obradoiro.

Este taller sumouse á celebración dunha festa que tivo moito arraigo en Santiago e en moitísimos lugares de Galicia. Varios concellos, asociacións e colectivos de todo tipo intentan agora recuperar esta tradición, un traballo no xoga un papel especial o profesorado de diversos centros de ensino de Galicia.

Nesta próxima semana seguirán as iniciativas arredor da promoción da festa do Samaín. Así, o propio Rafael L. Loureiro visitará centros de ensino da nosa cidade que previamente o pediron – como os CEIPs Monte dos Postes, Raíña Fabiola, Roxos-Villestro, Lamas de Abade ou o Colexio Compañía de María - para expoñer de maneira amena as características desta expresión cultural, así como a técnica de elaboración do tallado de cabazas do Samaín.

Concurso de Escaparatismo
Ademais, o Departamento de Comercio sumouse á celebración cun Concurso de Escaparatismo, con tres premios para os comercios mellor decorados e orixinais de acordo co espírito do Samaín tradicional.

Compartir: