IGUALDADE

Chega a Santiago unha peregrina que camiñou dende Italia para denunciar a violencia machista

22/10/2016 A concelleira de Igualdade recibiu esta mañá na praza do Obradoiro a Grazia Andriola, unha muller que percorreu o Camiño de Santiago dende Italia para denunciar a violencia machista e "demostrar que as mulleres poden camiñar soas".

Grazia Andriola, de 47 anos, iniciou a súa ruta o pasado 27 de xuño en Santa María di Leuca, e percorreu os 5.000 quilómetros que separan esa localidade italiana de Santiago, compartindo a súa experiencia coa ONG WeWorld, dedicada á atención ás mulleres vítimas de violencia machista. O seu obxectivo era difundir a mensaxe "Non teño medo", porque "ningunha muller debera ter medo de camiñar, a denunciar a quen lles causa dor física ou psicolóxica, e todas deben saber que sempre atoparán algunha man estendida".

Grazia Andriola chegou a Compostela vestindo unha camiseta na que se podía ler a mensaxe "Namorouse de Pippa Bacca, pregúntome por que", en lembranza á artista italiana violada e asasinada en Turquía no ano 2008 por un home ao que coñecera mentres estaba de xira polo país.

Compartir: