EDUCACIÓN E COMERCIO

Rafael López Loureiro dará este sábado un obradoiro de tallado de calacús e cabazas

20/10/2016 O Samaín está moi preto e o Concello vaino celebrar por todo o alto. Este sábado, o mestre Rafael López Loureiro, quen recuperou ademais a tradición do Samaín en Galicia, dará un obradoiro práctico de tallado de calacús ou caveiras de cabaza.

O obradoiro celebrarase na praza do Toural a partir das 12:00 horas. Está orientado a que participen nenos e nenas acompañados dos seus pais e nais, que deberán achegarse coa súa propia cabaza. Alí, Rafael López ensinaralles como se tallan e se converten en cabazas aterradoras do Samaín máis tradicional.

Concurso de Escaparatismo
Do día 11 e ata o 29 haberá varias charlas e obradoiros nos centros escolares e centros socioculturais e, a partires do día 25, celebrarase o Concurso de Escaparatismo, con tres premios os comercios mellor decorados e orixinais de acordo ao Samaín tradicional. Marta Lois sinalou que "dende o Departamento de Comercio tamén nos quixemos sumar á celebración dunha festa que consideramos de moito arraigo en Compostela e en Galicia. O Samaín é un evento noso, cunha significación propia. Por iso lanzamos este concurso, no que os motivos dos escaparates dos comercios da nosa cidade que queiran sumarse estarán vinculados á recuperación do Samaín orixinal en Compostela".

Os establecementos que participen no concurso deberán permanecer iluminados ata as 23:00 horas. A organización poderá establecer exencións a esta norma xustificadas por motivos de seguridade que esixan a retirada da mercadoría exposta nos escaparates.

O xurado estará composto polo concelleiro e concelleira de Educación e Comercio, respectivamente, unha persoa representante dos departamentos de Comercio e Educación, representantes das asociacións de comerciantes da cidade e unha persoa profesional do sector do interiorismo e a decoración. Valorarase a adecuación e ambientación, o aproveitamento dos recursos propios ou a exposición, unidade e composición do produto.

Os comercios deberán manter os escaparates presentados a concurso, sexan ou non premiados, ata, cando menos, o 2 de novembro. As inscricións formalizaranse mediante o envío do formulario online dispoñible na web do Departamento de comercio: comercio.santiagodecompostela.gal. A data tope de inscrición será o día 25 de outubro de 2016.

Samaín
O Samaín é unha festa asociada ao ciclo anual do sol que xa forma parte do Patrimonio Inmaterial de Galicia. A recuperación da tradición involucra a varias escolas que promoven actividades que á súa vez son inseridas na promoción da candidatura a Patrimonio Inmaterial.

Diversas aldeas en Galicia comezaron a recuperar as celebracións apoiadas pola recolleita de testemuños e documentos sobre as antigas tradicións locais asociadas á celebración do Magosto. Iso si, non foi ata a década de 1990, cando se comezou a celebrar esta festa en Galicia co nome Samaín. Hoxe en día é común atopala referenciada en diversas expresións culturais e festivas relacionadas con esa data, tendo desprazado de maneira importante ao termo anglosaxón Halloween. A escrita máis común na actualidade é samaín, aínda que o acento e mais a acentuación aguda non forman parte da palabra orixinal irlandesa nin se corresponden cunha adaptación fonética.

Compartir: