TURISMO E ACCIÓN CULTURAL

Focus GalicianTunes descubriralles a nosa música, paisaxe e gastronomía a programadores de 26 festivais internacionais

28/09/2016 Os programadores de 26 festivais de música de referencia internacional participarán do 16 ao 19 de outubro no programa Focus GalicianTunes, que se presenta como a antesala ao maior festival de músicas de raíz do mundo, o Womex 2016. Estes profesionais foron seleccionados entre os principais delegados acreditados este ano en Womex (World Music Expo), buscando así repetir o éxito da experiencia desenvolvida en 2014 co gallo da anterior edición deste mercado en Santiago de Compostela.

Xunto coas reunións de carácter profesional e as visitas socioculturais, o núcleo deste programa serán 10 concertos en formato showcase que terán lugar na Sala Capitol de Santiago, nos viñedos e adegas Martín Códax de Cambados, no Aquarium Finisterrae, na Taberna O Cunqueiro e nas salas Jazz Filloa e Garufa Club da Coruña.

Cartel
Leilía, Os D’Abaixo, Susana Seivane, Faltriqueira, Pepe Vaamonde Grupo, Alberto Conde Human Evolution Project, Rosa Cedrón, Alejandro Vargas Trío, TRIM e Sumrrá son os 10 solistas e grupos que actuarán nos diferentes eventos desta iniciativa. Todos eles forman parte, ademais, da plataforma en liña GalicianTunes, posta en marcha pola Xunta para a impulsar a difusión e a proxección exterior da música de Galicia.

A Sala Capitol acolleu hoxe a presentación deste segundo Focus GalicianTunes, na que interviñeron a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois; a vicepresidenta de Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director da Agadic, Jacobo Sutil; e a directora de Márketing de Martín Códax, María Garrido. A iniciativa conta, así mesmo, coa colaboración do Concello da Coruña e co apoio de Acción Cultural Española (AC/E) a través do Programa de Internacionalización da Cultura Española (PICE) na modalidade de Visitantes.

Asistiron tamén algún dos grupos que conforman esta carteleira, entre eles as integrantes de Faltriqueira, que ofreceron unha pequena mostra do que será o seu showcase no Focus GalicianTunes 2016.

A concelleira de Turismo destacou que "o Focus GalicianTunes é, por tanto, o escaparate perfecto para que os e as artistas galegos/as poidan demostrar que contan coa calidade óptima para competir en calquera escenario musical. Trátase, polo tanto, do mellor aperitivo para meternos de cheo no Womex 2016". Marta Lois lembrou que este evento é unha aposta moi importante do Concello de Santiago por tres motivos fundamentais: a súa vertente turística, a económica -con máis de 2 millóns de euros que se desembolsan na cidade- e a vertente cultural e musical.

A carteleira de 2016 foi seleccionada entre as formacións que enviaron propostas a Womex, co obxectivo de dar conta da calidade, variedade de estilos e potencial internacional dos nosos artistas e grupos. Este encontro profesional servirá, así mesmo, para complementar e reforzar a oferta galega que se presentará na World Music Expo nos días seguintes, coas actuacións de Radio Cos na selección oficial da feira, Xabier Díaz e Fran Pérez "Narf" no escenario Atlantic Connections, e Cuarteto Caramuxo e Talabarte no concerto de apertura.

Concerto aberto ao público
Focus GalicianTunes 2016 arrancará o domingo 16 de outubro en Compostela co primeiro dos concertos, o único aberto ao público xeral, que terá lugar ás 22:30 horas na Sala Capitol da man de Leilía, Os D’Abaixo e Susana Seivane. A entrada será libre ata completar a capacidade.

O luns 17, a delegación porá rumbo cara á comarca do Salnés, cunha visita á Illa de Arousa e a Cambados, tras a que terá lugar a actuación de Faltriqueira nos viñedos da D.O. Rías Baixas. Xa pola tarde, as adegas Martín Códax serán o escenario para os showcases de Pepe Vaamonde Grupo e Alberto Conde Human Evolution Project.

Na terceira xornada de actividade, o martes 18, os programadores viaxarán á Coruña, onde se achegarán á Torre de Hércules e gozarán do concerto de Rosa Cedrón na Sala Nautilus do Aquarium Finisterrae. O seguinte showcase correrá a cago de TRIM na Taberna O Cunqueiro, mentres que Alejandro Vargas Trío tocará no Jazz Filloa e Sumrrá no Garufa Club.

Focus GalicianTunes rematará o mércores 22, coincidindo co inicio de Womex en Santiago, cun encontro profesional entre os programadores convidados e os representantes de diferentes empresas musicais que terá lugar ás 11:00 horas na Cidade da Cultura de Galicia. Posteriormente realizarán unha visita ao Pazo de Raxoi.

Compartir: