ACCIÓN CULTURAL

Vinte concertos nas Xornadas de Música Contemporánea, que este ano se celebran do 1 de outubro ao 1 de decembro

28/09/2016 A concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, Branca Novoneyra, e Antonio Moral, director do Centro Nacional de Difusión Musical do INAEM presentaron esta mañá o programa das Xornadas de Música Contemporánea 2016. Fixérono acompañados da vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; o director do CGAC, Santiago Olmo; a vicerreitora de Cultura da USC, María Dolores Álvarez; e a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández.

No ano 2012 renacían en Santiago estas Xornadas co obxectivo de fomentar e difundir as últimas tendencias e a innovación da música contemporánea. Este ano celebramos unha nova edición, na que se mantén a mesma liña de traballo e colaboración institucional do ano pasado, froito da iniciativa, coordinación e promoción do Concello de Santiago, a USC o CGAC, o Centro Nacional de Difusión Musical, CNDM, a Deputación da Coruña e coa colaboración do Consorcio de Santiago. Baixo o título de "ConCiencia da Palabra", ofrecerán un total de 20 concertos interpretados por 14 agrupacións musicais en lugares coma o Paraninfo da Universidade, o Auditorio de Galicia, a Igrexa da Universidade e a de Bonaval, o CGAC, a Sala Agustín Magán e o Teatro Principal. As xornadas víñanse celebrando no mes de outubro, pero este ano alongaranse ata o 1 de decembro, buscando que o público poida asistir ao maior número de concertos. Algo ao que tamén axudará que todos eles, agás o da Real Filharmonía de Galicia, serán con entrada libre ata completar aforo.

As Xornadas inaugúranse o 1 de outubro co Airas Ensemble nun concerto no que, baixo o nome de Océanos poderemos asistir á estrea absoluta do Quinteto de vento de Óscar Colomina, baseado na idea de que a etimoloxía nórdica para "son" é a mesma que para "estreito de mar que se pode cruzar nadando". Despois escoitaremos obras de Jesús Bal y Gay e Octavio Vázquez, dous compositores galegos, de diferentes épocas, un exiliado en México e o outro residindo en EEUU, ao outro lado do océano. Os días 8 e 9 de outubro teremos dúas propostas de Vertixe Sonora Ensemble: o día 8 en Kairós, o momento oportuno poderemos gozar con diversos instantes exacto nos que o son se produce e se transforma, e xa o día 9 preséntannos Microteatro Psicopático: palabras perdidas, monstros e espazos misteriosos, un achegamento á obra literaria de Javier Tomeo co compositor Óscar Carmona e acompañados polo actor Carlos Álvarez-Ossorio.

O sábado 15, o conxunto vocal catalán Música Reservata presenta Conceptio universalis cun programa que xoga cos contrastes entre o novo e o vello, con pezas de onte inseridas entre as actuais, entre as que ademais figura unha re-estrea de obra encargo do CNDM. O 16 de outubro, o Ensemble Música Práctica presenta Catro tímbricas pintadas, que nos ofrece unha narrativa audiovisual na que as cores que configuran as imaxes están asociadas a cada un dos catro instrumentos que conforman o ensemble.

As dúas propostas coas que pechamos o mes de outubro chegan da man do Taller Atlántico Contemporáneo. O día 28 ofrécenos The Rothko Chapel, obra absolutamente hipnótica e fascinante que se verá potenciada pola extraordinaria acústica da Igrexa de san Domingos de Bonaval; e xa os días 29 e 30 poderemos escoitar Vox Balaenae, obra para violonchelo, frauta e piano amplificados que está inspirada no canto dunha balea xorobada que George Crumb escoitara nunha gravación.

Comezamos o mes de novembro o día 4 co Hércules Brass, que fará un percorrido pola música actual galega a través das distintas estéticas musicais creadas polos compositores da Asociación Galega de Compositores, tres dos cales -Luís Carro, Juan Durán e Xabier Comesanha- ofrecerán unha charla ao inicio do concerto. E continuamos o día 5 co Cuarteto Bretón, que fará gala do seu bo son en tres obras moi distintas: o Cuarteto de cordas núm. 8 de Shostakovich, unha estrea absoluta do compositor Mario Diz e a estrea en España do Cuarteto de cordas núm. 6 de Philip Glass.

O día 11, a Orquestra de Cámara Galega quere recoller algún dos sons de creadores do Atlántico, sen fronteiras, para recalar durante un intre nunha sentida homenaxe ao noso máis prolífico compositor, o mestre Rogelio Groba. E xa o día 12 poderemos escoitar o Quinteto Invento cun repertorio exclusivamente galego que inclúe obras para vento metal, con piano nalgunha delas, pertencentes aos séculos XX e XXI, tamén de diversos autores da Asociación Galega de Compositores. De novo haberá unha charla previa ao concerto con Carro, Durán e Comesanha.

O domingo 13 chegará a colaboración da nosa Banda Municipal con estas xornadas e será co concerto Imaxes contemporáneas, dirixido por Casiano Mouriño. Dúas partes compoñen este programa, que se artella en torno á imaxe como elemento de inspiración musical. En primeiro lugar, dúas obras galegas de carácter costumista de cadansúa época: a recente recuperación de Cuadros campestres, unha obra de mediados de século XX de Ricardo Fernández Carreira e, en contraposición, a perspectiva actual do valenciano e xa galego de adopción Raúl Martín Niñerola, inspirada e dedicada á terra de Chantada. A segunda parte céntrase na relación existente entre a música e a pintura. A inspiración que provocan en Johan de Meij obras de Rembrandt, Vermeer ou Jan Steen; e, como colofón, unha selección dos Cadros dunha exposición do ruso M. Mussorgsky, que nos vai guiando pinturas do seu amigo, Viktor Hartmann. Previamente haberá unha charla con Beatriz e Alberto Cancela.

A Orquestra Universitaria do Espazo de Cámara da USC presenta o venres 18 e de novo o sábado 20 o programa O século XX, un camino de melodías, que recolle composicións e estreas chegadas de alumnado pertencente aos principais centros superiores de estudos de composición de cada un dos cinco principais Camiños de Santiago. Antes do concerto poderemos charlar con Francisco Durán, profesor titular de Análise Xeográfico Rexional da USC. A seguinte cita será con David Apellániz e Alberto Rosado o día 19 de novembro, presentando un programa contemporáneo con catro obras de compositores españois, incluído un encargo do CNDM, e outras tantas de compositores internacionais consagrados.

Pechamos a programación do mes de novembro con tres programas diferentes de Zoar. O venres 25 poderemos escoitar a proposta SH4K3SP34R3, que comezará cunha presentación de Jorge Sacido Romero, profesor de Literatura Inglesa da USC, e o día 26 será C3RV4NT3S, con charla previa da man de Santiago Fernández Mosquera, catedrático de Literatura Española da USC. A última das propostas de ZOAR, o domingo 27, será Juego de ladrones, adaptación didáctico-musical arredor do texto de Rinconete y Cortadillo, de Miguel de Cervantes.

E clausura esta edición das Xornadas de Música Contemporánea, xa en decembro, o día 1, a Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Jaime Martin e co violinista Anthony Marwood. Interpretan Tres pinturas velazqueñas de Jesús Torres; o Concerto para violín de Kurt Weill e a Sinfonía núm 4 en si bemol maior de Beethoven. A entrada para este concerto terá un prezo de 15 euros, co 50% para estudantes e xubilados e pode mercarse en entradas.abanca.com, no 902 434 443 ou na billeteira do Teatro Principal e o mesmo día do concerto tamén na do Auditorio de Galicia.

Direccións relacionadas



Compartir: