POLÍTICAS SOCIAIS

Corenta persoas con síndrome de Down ou discapacidade visual participarán nas accións de cultura urbana do Proxecto Surigam

28/09/2016 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, presentou en rolda de prensa o Proxecto Surigam: Cultura Urbana + Discapacidade. Esta iniciativa de lecer saudable está dirixida a persoas con síndrome de Down ou con discapacidade visual, e inclúe unha xornada de cultura urbana mañá xoves e o venres.

O Proxecto Surigam é unha iniciativa social baseada na posta en marcha de programas culturais e experiencias de ocio innovadoras dirixidas a persoas condiversidades funcionais, buscando a súa participación activa en actividades alternativas relacionadas coa cultura urbana, organizadas sempre en entornos inclusivos, neste caso os centros socioculturais.

Entre os obxectivos do proxecto están, ademais da promoción do lecer entre persoas con discapacidade, a creación de oportunidades profesionais que favorezan o emprendemento xuvenil e a fixación de hábitos saudables que melloren a calidade de vida das persoas participantes a nivel corporal, mental e social.

As actividades de Cultura Urbana + Discapacidade terán lugar este xoves 29 e o venres 30 de setembro no Centro Sociocultural de Vite e da súa realización encargarase a asociación cultural Vella Escola. En representación da mesma estivo na rolda de prensa Pablo Castiñeira, quen detallou as accións previstas.

Dende as 9:30 ás 13:30 horas, en ambas xornadas, haberá actividades de breakdance, graffiti, parktour, turntablism e beatbox. Participarán 40 mozos e mozas de entre 12 e 30 anos con síndrome de Down ou discapacidade visual. Estarán acompañados por dez monitores/as.

Este proxecto está subvencionado polo programa Iniciativa Xove 2016, da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia. Ademais da colaboración do Concello, o programa conta co apoio de asociacións culturais e deportivas especializadas que achegan a experiencia dos seus profesionais a esta iniciativa: North Element, Black Box Project e BreakInclán. A estas e a Down Compostela, ONCE, Cruz Vermella Santiago e Misela agradeceu a concelleira a súa implicación.

Compartir: