EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Os comedores escolares estarán atendidos por monitores durante máis tempo e o servizo será avalado por unha nutricionista

23/08/2016 O concelleiro de Educación e Cidadanía deu conta hoxe de todos os detalles da adxudicación do servizo de comedores escolares á empresa Serunión, despois de que a Xunta de Goberno dera onte o último paso neste procedemento, coa aprobación dos prezos públicos dos almorzos e xantares. O edil adiantou tamén que se están organizando unhas xornadas específicas para debater sobre o modelo de comedores.

Manuel Dios reiterou o seu empeño e o do Goberno por "termos o servizo de maior calidade, porque entendemos que os comedores escolares teñen unha importante compoñente educativa, e tamén son un elemento corrector das desigualdades". O edil insistiu en que a máxima do prego de condicións deste procedemento foi que "os comedores non deben servir só para dar de comer, senón para ensinar a comer e para que os nenos e nenas sexan introducidos en pautas alimentarias saúdables".

Prezo do servizo e melloras
O concelleiro de Educación lembrou que o prezo que terán que pagar os usuarios polo xantar será de 4,50 euros, 1,57 euros máis que no curso pasado. Aínda que o prezo ofertado pola adxudicataria Serunión era de 5,30 euros, púidose rebaixar a tarifa grazas á axuda que outorga a Xunta, de 53.400 euros e á aportación que fai o Concello ao servizo, que ascende a 59.0009,63 euros.

A maiores, Manuel Dios lembrou que o Goberno "vén de incrementar notablemente as bolsas para comedores escolares, das que se beneficiarán un tercio dos usuarios". A este fin, o Goberno local destinou 169.000 euros no curso pasado. Para o que comezará en setembro, nos orzamentos destinouse unha partida de 360.000 euros a axudas para o comedor, adquisición de material escolar e realización de actividades extraescolares para o alumnado dos centros públicos e concertados.

O edil explicou que o incremento do prezo con respecto ao curso pasado está xustificado "nas melloras significativas que se introduciron no prego do concurso, e que evidentemente teñen un custo económico". Así, Dios relatou que os monitores e monitoras que atenden os comedores empezarán a cobrar a media hora de máis de traballo que estaban realizando sen compensación, ao tempo que se prolonga o tempo no que permanecerán nos comedores "atendendo aos nenos ata ás 16.30 horas e dedicándose á limpeza das instalacións a partir desa hora".

Outra das melloras significativas é a incorporación da profesora titular de Nutrición da Universidade de Vigo, Julia de la Montaña Miguélez, que estará permanentemente a disposición do Concello, das ANPAS e dos usuarios. Esta profesional, tal e como relatou o concelleiro, "velará pola variedade e calidade dos menús, fixará as normas de elaboración, e encargaráse da súa estrutura en canto a cantidades de froita, verduras, peixe ou carne".

Outras melloras que motivaron a suba do prezo foron, a demanda das ANPAS, a supresión dos policarbonatos nas vaixelas utilizadas para servir os menús, que serán substituídas por outras de vidro temperado. Tamén se porá en marcha un programa de formación para os monitores e monitoras dos comedores escolares, de 100 horas de duración, e a empresa adxudicataria deberá ter en todos os centros os electrodomésticos precisos para servir os menús nas mellores condicións.

Procedemento regulado
O concelleiro de Educación relatou que Serunión foi a empresa mellor valorada pola mesa de contratación das tres que se presentaron ao concurso. Manuel Dios lembrou que estamos ante "un procedemento perfectamente regulado administrativamente, ao que se presentaron tres empresas baixo o principio da libre concorrencia". Tamén explicou que esas empresas podían ser cualificadas con ata un máximo de 142 puntos, dos que ata un máximo de 50 correspondían á oferta económica, "que polo tanto tivo un peso dun tercio na licitación". Serunión foi a mellor valorada pola mesa de contratación, e os servizos xurídicos do Concello consideraron que non había ningún motivo para excluíla do procedemento.

Novo modelo
Manuel Dios avanzou que nos próximos meses celebraranse unhas xornadas específicas sobre comedores escolares, "cumprindo a palabra dada de revisar o actual modelo". O concelleiro lembrou que foron as ANPAS as que pediron que se dedicara o curso escolar que vai comezar a estudar as diferentes posibilidades. Nesa liña, o edil de Educación e Cidadanía recordou que os comedores escolares son un servizo que é competencia da Xunta, que o Concello de Santiago ten delegada a través dun convenio coa Consellería de Educación. Dios amosouse disposto a estudar a posibilidade de revertirlle a competencia ao Goberno galego, pero advertiu que non é o momento de iniciar esas conversas cando estamos a un mes dunhas eleccións autonómicas.

Compartir: