XUNTA DE GOBERNO

O Concello destina máis de 600.000 euros a obras de reparación e mantemento en instalacións municipais

19/08/2016 A Xunta de Goberno acordou hoxe abrir o procedemento de obras de reparación e mantemento en diversas instalacións dependentes do Concello de Santiago, ás que se destinarán un total de 630.680 euros, IVE incluído. Desa cifra, a maior partida será para o Departamento de Educación, que disporá de 400.000 euros para actuacións de mellora nas dependencias da súa responsabilidade.

Tamén se destinarán 90.000 euros aos servizos xerais municipais, 68.000 a melloras en instalacións deportivas municipais, e 44.800 euros a actuacións en centros e locais socioculturais. Por último, reservouse unha partida de 4.000 euros para unha obra na Casa das Asociacións.

Melloras no alumeado
A Xunta de Goberno de hoxe tamén lle deu luz verde á realización de obras de mellora e mantemento do alumeado público. Trátase de actuacións que levará a cabo Ferrovial, dentro da partida específica que xa inclúe o seu contrato e que ascende a 150.000 euros anuais. Desta vez vanse investir algo máis de 60.000 euros.

A contía máis importante, 39.426,77 euros, será para a modernización das instalacións de alumeado público no parque e urbanización de Pontepereda. Séguelle a substitución de luminarias no parque da Almáciga, onde tamén se van instalar proteccións eléctricas, por un importe de 10.768,04 euros. Outro dos puntos nos que se vai actuar é o Parque Pablo Iglesias. Alí investiranse 2.091,90 euros na substitución de columnas metálicas, e 354,52 euros máis na ampliación do alumeado. Tamén se vai ampliar o alumeado na praza Marcial Villamor (1.472,01 euros) e no Queiroal (377,86 euros).

Casa da Muller
Outro dos asuntos aprobados polo Goberno local foi a apertura do procedemento das obras de acondicionamento da Casa da Muller. O alcalde, Martiño Noriega, lembrou que este local se vai acondicionar nos baixos que ocupaba Emuvissa, cun investimento de 153.670 euros, IVE incluído. O proxecto, aprobado na Xunta de Goberno da semana pasada, financiarase con cargo aos remanentes orzamentarios de 2015, e xa que logo as obras deben estar executadas antes de que remate o ano.

Documentos relacionados



Compartir: