ESPAZOS CIDADÁNS

O próximo luns comeza a terceira fase das obras do barrio de Vista Alegre

19/08/2016 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade deu conta hoxe do inicio da fase III das obras de mellora da mobilidade e accesibilidade de Vista Alegre. Os traballos arrancarán o próximo luns, e tal e como explicou Jorge Duarte, executaranse con dous equipos distintos e de xeito simultáneo nas rúas Bispo Diego Peláez e Santa Comba.

Nos dous casos acometerase o rebaixe de cotas da calzada, en máis dun metro. Jorge Duarte salientou que "o Goberno responde así a unha reivindicación histórica dos veciños, que levan máis de trinta anos reclamando unha actuación que permitirá que os baixos comerciais gañen en luminosidade e en vistas, e polo tanto en competitividade". Con esta actuación, non prevista inicialmente, "tamén se resolve o problema de planificación das obras de Vista Alegre, nas fases I e II".

As obras comezarán pola rúa Bispo Diego Peláez, que hoxe mesmo quedou cortada ao tráfico. O concelleiro de Espazos Cidadáns explicou que "o inicio das obras da fase III se viu condicionado pola posibilidade de abrir á circulación a rúa de San Xoán, para que os vehículos poidan seguir transitando polo barrio". Ao mesmo tempo, empezarase a traballar na rúa Santa Comba.

As obras da fase III de Vista Alegre teñen un prazo de execución de cinco meses, e deberán estar rematadas en torno ao 15 de xaneiro de 2017.

Modificados nas Fases I e II
Jorge Duarte aproveitou a súa comparecencia para lembrar a situación na que se atopan as outras dúas fases das obras de Vista Alegre. No caso da fase I, foi preciso realizar un proxecto modificado, "debido a que as zapatas dos edificios do contorno do túnel da rúa Noia estaban máis elevadas do esperado". En canto á fase II, tamén foi necesario redactar un proxecto modificado despois de que se detectaran fendas na cuberta que une dous edificios na rúa de Vista Alegre, o que impedirá que se suprima unha parte das terrazas neste ámbito. Ademais, estase elaborando un proxecto para aumentar as prazas de aparcamento na zona, tal e como demanda a veciñanza.

Os dous proxectos modificados deberán ser aprobados na primeira quincena de setembro e terán un prazo de execución de tres meses, "de xeito que o seu remate coincidirá no tempo co das obras da fase III de Vista Alegre".

Compartir: