ALCALDÍA E EDUCACIÓN

Seis nenos e nenas saharauís pasan este verán con familias acolledoras de Santiago

27/07/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega; o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios e outros integrantes da Corporación recibiron os nenos e nenas saharauís que pasarán este verán en Compostela no marco do programa Vacacións en Paz. No acto tamén participaron as familias acolledoras; o delegado saharauí para Galicia, Alali Emboiric Mohamed e a presidenta da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, Maite Isla.

Martiño Noriega deu a benvida aos rapaces e rapazas e aproveitou para reivindicar novamente "o dereito a decidir o seu futuro do Sáhara Occidenta", expresando o "apoio político simbólico" do Concello de Santiago, tal como se ten manifestado por unanimidade en varias declaracións institucionais aprobadas en Pleno.

O Programa Vacacións en Paz está concibido no marco de solidariedade e axuda desinteresada e co fin de proporcionar mellores vacacións aos nenos e nenas saharauís. O proxecto atende a solicitude da Delegación Saharauí para Galicia, canalizada pola Asociación Solidariedade Galega co pobo Saharauí. Os rapaces e as rapazas que participan neste proxecto teñen entre 7 e 14 anos e proveñen dos campamentos de refuxiados saharauís que se atopan na zona de Tinduf, sudoeste de Alxeria.

Ofrécese a estes nenos e nenas nacidos no medio da guerra e sometidos ás súas duras consecuencias, unha posibilidade de coñecer formas distintas de vida, de maneira que isto contribúa, non só á súa formación, senón a mellorar a comunicación e o entendemento entre os pobos e promover valores de solidariedade coa cooperación das familias composteláns. Este tipo de visitas son moi importantes para que eles desenvolvan unha concepción do mundo máis ampla e sólida, para que adquiran uns marcos de referencia elementais e non mediatizados respecto a outros países, dentro do seu propio proceso de maduración persoal e sen prescindir da rica tradición do seu pobo. Ao mesmo tempo preténdese favorecer a relación de familias de Santiago con rapaces doutras culturas.

Os rapaces e rapazas están en Santiago durante os meses de xullo e agosto, aloxándose nos fogares de familias compostelás, que se fan cargo dos gastos de alimentación, de vestimenta e outros que se deriven da súa estadía. Ademais, realízanselles revisións médicas.

Compartir: