FESTAS

"Música a pé de rúa" para gozar das festas do Apóstolo con seis grupos locais

27/07/2016 A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou esta mañá as actuacións da Música a pé de rúa, que encherán tres prazas do Ensanche durante a tarde deste mércores. Na rolda estivo acompañada de dous mozos participantes.

Novoneyra destacou que se trata dunha oferta "transversal, xurdida ao abeiro dos orzamentos participativos de Mocidade e que pretende descentralizar aínda máis a oferta para estas festas do Apóstolo". Deste xeito "o Ensanche tamén poderá vivir unhas festas descentralizadas, abertas e participadas para toda a veciñanza". Música a pé de rúa xorde da proposta para os devanditos OP denominada "Encontros musicais para grupos e músicos locais", que foi unha das máis votadas e demandadas.

Para a concelleira de Acción Cultural, estes concertos "son unha forma de recuperar o talento que existe en Compostela", cunha oferta musical para todos os gustos con actuacións pop, rock, indie, blues… Dous dos grupos, The Candidates e Jugones, foron os participantes este ano de Compostela Actúa, un programa desenvolvido pola Concellería de Mocidade para darlle un maior pulo e visibilidade aos novos artistas da cidade. Hellorice, ademais, resultou o grupo gañador do certame Música Xove.

Horarios e localizacións
Ás 19:00 horas, a praza Roxa acollerá o concerto de Mojo Experience; ás 19:20 será a quenda de Jugones no Parque de Ramírez, ao carón da República Arxentina; e ás 19:40 horas poderemos escoitar a Adeline´s Garden na rúa de Carreira do Conde. A axenda continuará con Hellorice ás 20:00 na praza Roxa, e ás 20:20 horas con The Candidates, novamente no Parque de Ramírez. O último concerto será o de Ivy Moon na rúa de Carreira do Conde.

Compartir: