FESTAS

Circo, baile e sound system animaron a oitava xornada das festas do Apóstolo

22/07/2016 As festas do Apóstolo chegaron este venres á súa oitava xornada, protagonizadas por eventos como a gala Circompostela, o concerto Compostela Sound System e os obradoiros do Baile Assalto.

Despois do éxito que tivo o ano pasado, celebrouse unha nova Gala do Novo Circo Compostelán dentro das festas do Apóstolo, no parque de Belvís e da man de PistaCastro e Culturactiva. No espectáculo participaron Fiti (corda), Raquel Veganzones (xogos aéreos), Amanda (pole), Andrés del Revés (equilibrios), Kote (diábolo e malabares), Isla Letriska (malabares) e Javi Javichi (circo e malabares).

Antes, dentro do programa Artellando, a praza do Toural acolleu o Baile Assalto, consistente en diversos obradoiros de baile ao longo de toda a xornada, nos que se tocaron diferentes tradicións e con música ao vivo.

Outra das citas da xornada foi o Compostela Sound System, primeiro cunha exposición de vinilos personalizados no Matadoiro Compostela e logo cun obradoiro de deejay na Quintana. O evento completouse na praza coas actuacións de Rude Teo, DJ Mil e DJ Ches.

A parte musical da xornada completouna a actuación de Mónica de Nut e Luis Martínez na praza de Salvador Parga, dentro do ciclo "Artellando nos recunchos".

Futbolín e chave
O Centro Sociocultural de Vite acolleu o Compostela Futbolín 2016. Houbo un campionato por equipos, formados por unha parella de nivel elite e unha de segundo nivel, e un campionato xuvenil no que as parellas participantes debían ter menos de 18 anos. Tamén hoxe se celebrou unha nova xornada do XXXVIII Torneo de Chave das Festas do Apóstolo.

Compartir: