FESTAS

A Romaría Cativa volve a Bonaval

22/07/2016 O público máis familiar vai ser o protagonista de dúas das próximas actividades das festas do Apóstolo, que hoxe presentou a concelleira de Acción Cultural: a gala Circompostela 2016, e a Romaría Cativa. Branca Novoneyra recoñeceu que estas dúas propostas "enorgullecen especialmente ao Goberno, porque son un claro exemplo da intención de termos unhas festas máis diversas e máis acaídas para toda a cidadanía". Ademais, a edil lembrou que tanto a festa do circo como a Romaría Cativa foron iniciativas moi exitosas no Apóstolo de 2015.

A Gala do Novo Circo Compostelán celebraráse esta noite, a partir das dez e media, no parque de Belvís, organizada por PistaCatro e Culturactiva. No espectáculo participarán Fiti (corda), Raquel Veganzones (xogos aéreos), Amanda (pole), Andrés del Revés (equilibrios), Kote (diábolo e malabares), Isla Letriska (malabares) e Javi Javichi (circo e malabares).

Romaría Cativa
Despois da intensa noite de circo de hoxe, mañá será o día das festas máis integramente pensado para os nenos e nenas. O parque de Bonaval será escenario dunha nova edición da Romaría Cativa, que no Apóstolo de 2015 xuntou a centos de persoas. De aí que se volvera confiar en Urdime para a súa organización.

A Romaría Cativa celebrarase dende as doce do mediodía. A esa hora está prevista a actuación de Xandobela e un obradoiro de circo con Teatro dos Ghazafelhos. Tamén se habilitará un espazo de xogo libre. Ás doce e media comezará un espectáculo de circo con Javi Javichi e, ao seu remate, será a vez da música, cun concerto de Pablo Díaz e a Banda do Tic-Tac.

Despois do tempo de xantar, no propio parque, ás 17:30 horas reabriranse os espazos de xogo, e ás 18:00 horas repetirá actuación Javi Javichi. Ás 18:30 horas, o cantante Xoán Curiel presentará o seu traballo Estamos no verán, e unha hora despois comezará un obradoiro de músicas para o peto.

A programación da Romaría Cativa complétase cun espectáculo de maxia con Martín Camiña e cun concerto das brasileiras As Fadas Magrinhas.

Direccións relacionadas



Compartir: