FESTAS

Europlá promete "a maior intensidade pirotécnica na historia dos Fogos"

21/07/2016 O alcalde, a concelleira de Acción Cultural, e o representante da empresa Focs d´Artifici Europlá, José Gallart, presentaron hoxe en rolda de prensa o espectáculo audiovisual e pirotécnico do que poderemos gozar na noite do 24 de xullo. Martiño Noriega lembrou que esta será a primeira vez na que esta empresa valenciana teña "a responsabilidade de desenvolver esta montaxe, que ten unha proxección que vai moito máis alá de Compostela e que por iso ten que estar á altura da tradición e do que a cidade agarda".

O rexedor lembrou que os Fogos do Apóstolo volven estar condicionados este ano polas estadas da Catedral, e incidiu en que á hora de elaborar o prego de condicións do espectáculo incidiuse en darlle un maior peso relativo á parte pirotécnica, "unha vella demanda da cidadanía, que viña reivindicando uns Fogos que se puideran ver dende máis puntos de Santiago alén da Praza do Obradoiro".

Máis de 24.000 artefactos pirotécnicos
O responsable de Europlá explicou que os Fogos do Apóstolo terán unha duración de 28 minutos. Os 10 últimos serán exclusivamente de lanzamentos pirotécnicos. Ao longo dos outros 18 minutos, combinaranse as proxeccións audiovisuais con algúns momentos de pirotecnia. José Gallart asegurou que "a intensidade pirotécnica destes Fogos será a maior da historia", co lanzamento de máis de 24.000 artefactos pirotécnicos.

En canto ao espectáculo audiovisual, proxectarase un videomapping en 360 graos que acadarán un total de 360.000 lúmenes de potencia, a maior empregada ata o de agora. O equipo de son terá unha potencia de 50.600 watios, e utilizaranse un total de 38 aparatos de iluminación de Led de baixo consumo para a iluminación xeral dos edificios e da Praza do Obradoiro. En total, nos Fogos do Apóstolo traballarán 80 persoas.

José Gallart adiantou que a parte audiovisual dos Fogos estará dividida en catro bloques. No primeiro falarase das orixes de Compostela e da Catedral, a segunda será unha alegoría do Apóstolo, a terceira será un paseo astral por Santiago, e a última fará un repaso por persoeiros ilustres de Compostela. O responsable de Europlá adiantou que as proxeccións audiovisuais combinaranse "cunhas escenas teatralizadas, nas que participarán 25 figurantes". Ademais, asegurou que haberá moitas máis sorpresas nos Fogos, que aínda non poden ser desveladas.

Repeticións do espectáculo audiovisual e Fogos do 31
A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, lembrou que a empresa que resultou adxudicataria dos Fogos do Apóstolo ofertou como mellora a repetición da parte audiovisual do espectáculo durante tres días máis. Esa repetición farase os días 25, 26 e 27, a partir das doce da noite.

A edil tamén sinalou que a empresa Europlá se encargará ademais dos Fogos do día 31, "un espectáculo piromusical de 20 minutos de duración nos que se poderá escoitar unha banda sonora con temas de todos os estilos e todas as épocas".

O custo total dos dous espectáculos, o do 24 e o do 31 de xullo, será de 174.000 euros, IVE aparte de 36.540 euros.

Compartir: