FESTAS

O Concello organiza unha xornada de xogos populares para iniciar as festas do Apóstolo

13/07/2016 A programación das Festas do Apóstolo vén de sumar unha nova actividade, dirixida ao público familiar. Trátase dunha xornada de xogos populares, que se desenvolverá na Alameda na tarde do próximo venres 15 de xullo, xusto antes do pregón inaugural dos festexos a cargo de Anxo Carracedo.

Para esta xornada vanse instalar ata trinta xogos populares na Alameda, aptos para xente de todas as idades. Haberá xogos de habilidade, como as carreiras de tartarugas, os esquís de parellas, o xogo do faquir, a plataforma colgante ou o xogo dos pasmóns. Outros serán de lanzamento, coma o xogo das argolas no tallo, o da cabaza, o da ra ou o da caixa de ovos. Por último, na Alameda instalaranse xogos de taboleiro, como o das pirindolas con buratos, o dos números colgados, o das ringleiras, o das esquinas ou o das bolas saltarinas. Ao carón de cada xogo haberá un cartaz explicativo, para que os asistentes coñezan ben as regras e o funcionamento. Ademais, dous monitores estarán na Alameda durante todo o tempo que dure a actividade, desde as cinco da tarde ás nove da noite.

Unhas festas pensadas para os nenos e nenas
Esta xornada de xogos populares completa a oferta da programación do Apóstolo para as crianzas. Ao longo das dúas semanas de festas son moitas as actividades dirixidas aos nenos e nenas, moitas delas enmarcadas no programa Artellando. Ao seu abeiro, nos centros socioculturais haberá cada día contacontos, música, teatro ou maxia.

O sábado 23 de xullo celebrarase unha nova edición da Romaría Cativa. Dende as doce do mediodía ata as seis e media da tarde, no Parque de Bonaval haberá xogos, obradoiros de circo e os concertos de Pablo Díaz e a banda do Tic Tac e Xoán Curiel, entre outras propostas.

Compartir: