XUNTA DE GOBERNO

O Concello substitúe as fianzas pola celebración de actos na vía pública por declaracións responsables

10/06/2016 A Xunta de Goberno deu conta hoxe do decreto do concelleiro delegado de Medio Ambiente e Convivencia polo que se elimina a obriga de abonar unha fianza no caso de solicitudes de ocupación da vía pública. Esa garantía económica é substituída por unha declaración responsable que terán que asinar os promotores, organizadores ou responsables dos actos, na que se comprometen a levar a cabo os arranxos necesarios no caso de producirse danos.

O alcalde explicou que con este decreto, a Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia adiántase á modificación da Ordenanza reguladora de actividades, instalacións e ocupacións da vía pública, que está en tramitación. Martiño Noriega sinalou que a substitución das fianzas por declaracións responsables fora unha das propostas do Goberno cara á modificación da ordenanza, por ser un dos puntos máis polémicos da actual normativa.

O motivo deste adianto é que "se están a recibir moitas solicitudes para actividades que supoñen a ocupación da vía pública". En todo caso, haberá eventos que teñan que pagar igualmente a fianza, se se entende que as súas características ou dimensións así o aconsellan.

Tamén a petición da Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia, a Xunta de Goberno aprobou a modificación do artigo 6 do regulamento do Consello Municipal de Medio Ambiente, co obxectivo de que neste órgano poida participar calquera persoa física ou xurídica que o desexe, con voz pero sen voto. Para iso, os interesados deberán presentar unha solicitude no Rexistro Xeral do Concello.

Subvencións e convenios
O Executivo compostelán deulle esta mañá luz verde a tres convenios de colaboración e ás correspondentes subvencións entre outras tantas entidades e a Concellaría de Acción Cultural. Trátase, en concreto, dos acordos co grupo de baile e música tradicional Brincadeira, que recibirá 3.500 euros; o Ateneo de Santiago, cunha achega de 5.000 euros; e a Asociación Cultural O Galo, que percibirá 2.000 euros. Tamén se aprobou o convenio de colaboración entre o Concello e a Asociación Cultural Cidade Vella, relativo ao terceiro trimestre do ano. O texto é idéntico aos que se veñen asinando nos anteriores trimestres.

Ademais, deuse conta da sinatura do Protocolo de intencións para a colaboración entre os concellos de Muros, Outes, Noia, Porto do Son, Lousame, Rois, Brión, Ames e Santiago, para a promoción conxunta do Camiño de Santiago pola ría de Muros e Noia. O alcalde explicou que esta ruta "é unha variante do Camiño Inglés, pero ten entidade propia, e polo tanto esperamos que a Xunta aprobe o seu recoñecemento oficial".

Licenzas
No apartado de licenzas, a Xunta de Goberno de hoxe deixou dous acordos relevantes. Dunha banda, concedeuse a licenza de obras para o acondicionamento dun local no Hospital Clínico para destinalo a laboratorios e zona administrativa da Fundación Ramón Domínguez. A actuación está orzamentada en máis de 800.000 euros.

Ademais, aprobouse a licenza para o acondicionamento dun edificio da rúa Carretas no que Cáritas vai habilitar o centro de día Vieiros para persoas en exclusión social. O alcalde felicitou á entidade por este proxecto, "que vén a completar a acción social que desenvolve Cáritas en Compostela".

Outros asuntos
A Xunta de Goberno aprobou a concertación dunha operación de préstamo a longo prazo, por un importe de 5.320.000 euros. O crédito xa estaba contemplado nos orzamentos de 2016, e irá destinado a financiar investimentos.

Por último, hoxe adxudicouse o servizo para a posta en marcha dos orzamentos participativos de 2017. A empresa designada é Cidadanía Rede de Aplicacións Sociais Soc. Coop. O importe da licitación é de 56.000 euros máis IVE.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: