EDUCACIÓN E CIDADANÍA

O concelleiro de Educación reúnese coa Federación de Anpas para seguir avanzando no concurso de comedores escolares

26/05/2016 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, reunirase esta tarde coa Federación de Anpas para seguir avanzando no concurso de comedores escolares. Con esta xuntanza "continúase o camiño de interlocución constante coa comunidade educativa, que amosa o esforzo de diálogo realizado polo Goberno municipal", indicou.

Manuel Dios explicou ante os medios que, despois de recibir as suxestións e propostas das direccións dos centros, da Federación de Anpas e do resto da comunidade educativa, o Goberno municipal solicitou a información precisa para ir contestando cada una desas peticións. Na xuntanza desta tarde darase contestación ante as Anpas a todas as propostas presentadas.

O concelleiro de Educación destacou que, durante estes meses, ademais das múltiples xuntanzas coa comunidade educativa, o Departamento de Educación visitou as cidades de Ferrol e Vila-Real (Portugal) para analizar e debater sobre o modelo de comedores escolares. Co fin de ter a maior documentación posible, tamén se solicitou un novo informe económico que analiza de forma pormenorizada os custes e aportacións.

Ademais, salientou que "o prego está practicamente ultimado e existe vontade de resolvelo canto antes", previsiblemente a comezos de verán. Para a súa elaboración contouse cunha catedrática da Universidade de Vigo e experta en nutrición que aportou a súa formación profesional ao respecto da rotación dos menús escolares "co obxectivo posto na mellora notable da calidade dos mesmos". Iso si, Manuel Dios quixo deixar claro que un aumento na calidade ten que levar aparellado un incremento nos custos do comedor escolar, con independencia da subvención que as administracións públicas poidan facer de cada un deles.

Novo modelo
O prego que se aprobe terá unha vixencia dun curso escolar, tempo que se aproveitará para iniciar unha reflexión máis profunda sobre o modelo que se quere para os comedores escolares dos centros públicos de Compostela. "Tiñamos ese compromiso coas Anpas e co resto da comunidade educativa e así o faremos", sinalou o concelleiro.

Compartir: