ACCIÓN CULTURAL

Branca Novoneyra presenta as bases para cubrir a dirección-xerencia do Auditorio

16/05/2016 A concelleira de Acción Cultural deu conta hoxe das bases da convocatoria para a provisión do posto de dirección-xerencia do Auditorio, despois da súa aprobación o pasado venres na Xunta de Goberno. Branca Novoneyra explicou que as súas características foron faladas co tecido cultural, e incidiu no seu convencemento de que "este proceso debe ser participado, transparente, e ter en conta a realidade cultural de Compostela".

A concelleira de Acción Cultural lembrou que "o Auditorio de Galicia é un organismo autónomo que no último cuarto de século contribuíu decisivamente a consolidar a oferta cultural de Compostela", grazas ao seu papel na organización de actividades culturais e artísticos, organización de congresos, exposicións e conferencias, ou á celebración de eventos como premios ou festivais. Branca Novoneyra explicou que o Goberno entende que "á experiencia acumulada nestes anos súmanse outros retos que hai que satisfacer, relacionados coa transparencia e a democratización do funcionamento do Auditorio, a participación cidadá, a conexión con outras entidades culturais públicas e privadas, ou a colaboración coa Universidade".

Nas bases da convocatoria para a provisión do posto da dirección-xerencia do Auditorio téñense en conta eses factores, así como a necesidade de que o organismo autónomo impulse redes e circuítos culturais e artísticos de ámbito internacional, que promova as industrias culturais e creativas, e que investigue e innove no eido das artes e da cultura a través de laboratorios de creación e de experimentación.

Características da convocatoria
A convocatoria para a cobertura da dirección-xerencia do Auditorio adopta unha filosofía de publicidade, transparencia, abertura e concorrencia, en harmonía cos principios de capacidade, mérito e igualdade. Branca Novoneyra insistiu en que "é a primeira vez na que se convoca un proceso de selección para este posto, que ata o de agora dependía dunha decisión de alcaldía".

A persoa que ocupe o posto terá que asumir as funcións recollidas no artigo 12 dos Estatutos do Auditorio de Galicia. A maiores, nas bases da convocatoria sinálase que a dirección-xerencia participará activamente na elaboración e coordinación da programación anual do Auditorio, coordinará as relacións con outras institucións da cidade, e elaborará anualmente un informe sobre o funcionamento do órgano, entre outros cometidos. A remuneración do cargo está determinada pola relación de postos de traballo do Auditorio de Galicia, cunha retribución bruta anual de 63.238,32 euros.

Requisitos e méritos
Os requisitos indispensables para concorrer á convocatoria son ser funcionario de carreira ou laboral ao servizo das administracións públicas, ou profesional do sector privado, titulados superiores nos dous casos; ter unha experiencia mínima de cinco anos na dirección ou xestión de centros culturais ou artísticos; dominar os idiomas galego, español e inglés; e manifestar dispoñibilidade para traballar en distintos horarios e en días festivos.

Na convocatoria inclúese unha longa lista de méritos avaliables, como posuír unha segunda titulación universitaria, en especial se está relacionada co posto; dominar as distintas ferramentas informáticas, ou ter experiencia en liderado e dirección de equipos, en márketing e comunicación, ou na captación de patrocinios e na xestión de fondos europeos.

Ademais de acreditar o cumprimento dos requisitos e os méritos, ao propoñer a súa candidatura, os aspirantes deberán presentar un proxecto cultural para os cinco anos vindeiros, no que se defina unha estratexia para o Auditorio, o Teatro Principal, a Zona C e a Sala Agustín Magán, e en relación á Real Filharmonía de Galicia e á Escola de Altos Estudos Musicais. Para a elaboración deste plan de actuación tomaranse como bases os orzamentos que tivo o Auditorio nos últimos catro exercicios.

A concelleira de Acción Cultural salientou que o proceso "dálle máis importancia á experiencia é ao programa quinquenal de actuación que a outros aspectos, con 30 e 35 puntos sobre un total de 100". Branca Novoneyra tamén salientou a intención da convocatoria de "impulsar un espazo como a Sala Agustín Magán, que polas súas características debera ser o segundo espazo escénico da cidade, de recuperar o protagonismo dos técnicos á hora de programar fronte ao excesivo dirixismo doutras épocas, e de retomar o contacto co sector cultural de Compostela".

Prazos e proceso de avaliación
As candidaturas deberanse presentar no prazo dun mes, a contar dende a publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.

O comité de avaliación estará presidido polo alcalde, e contará coa concelleira de Acción Cultural como vicepresidenta e con outros tres integrantes e unha secretaría con voz pero sen voto. Despois dunha primeira análise das candidaturas, o comité seleccionará os cinco participantes con mellores puntuacións para realizarlles entrevistas persoais.

As persoas interesadas poden obter máis información na web www.auditoriodegalicia.org, ou a través do correo electrónico subdireccion@auditoriodegalicia.org.

Documentos relacionados



Compartir: