ACCIÓN CULTURAL

A Concellaría de Acción Cultural programa dous talleres sobre mediación cultural no Local Sociocultural da Caramoniña

07/03/2016 A Concellaría de Acción Cultural programou dous talleres baixo o título Pensar a mediación cultural. Que flúa, destinados a persoas pertencentes a entidades e asociacións que desenvolvan proxectos de ámbito local ou pretendan poñer en marcha experiencias de mediación cultural sobre Santiago de Compostela. Celebraranse os días 28, 29 e 31 de marzo e 1 de abril no Local Sociocultural da Caramoniña (travesía Escultor Asorey, 14 – baixo). A participación é de balde.

Os talleres serán conducidos por David Rodríguez (AKa Tina Paterson) e Jordi Claramonte, e realizaranse en dúas quendas, de mañá e tarde, con dez prazas para cada dunha delas. O primeiro dos talleres impartirase de 10:30 a 14:30 horas e o segundo de 16:30 a 20:30 horas.

O taller pretende achegar dun modo participativo un resumo crítico das características do traballo do mediador cultural, centrándose no contexto específico de Santiago de Compostela e na súa contorna. Trátase de traballar en torno a unha ferramenta de interacción e facilitación entre cidadáns, barrios e institucións.
Farase unha investigación sobre a crise dos modelos de relación entre os centros culturais, revisando exemplos de novas experiencias de laboratorios de creación baseados na produción e na participación.

Inscrición
Os interesados en participar deben presentar o formulario de participación cos datos de contacto, xunto cunha carta de motivación e expectativas (máximo un folio) e un currículo, no Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa do Presidente Salvador Allende, 4 baixo) ou no Auxiliar no CSCX do Ensanche. O límite de prazo para inscribirse remata o luns 21 de marzo. A Concellaría de Acción Cultural comunicará coa maior brevidade a disposición da praza para asistir ás xornadas. A participación nas xornadas é de balde.

Máis información no teléfono 981 543 001 (CSCX do Ensanche).

Compartir: