ALCALDÍA

O proxecto "Herdeiras" estréase este sábado no Teatro Principal

20/09/2017 O proxecto Herdeiras, no que participa o Concello de Santiago, foi presentado este mércores en Raxoi nunha rolda de prensa na que participaron a primeira tenente de alcalde, María Rozas; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a creador do proxecto, Carme Penim, e a coreógrafa Xiana Vilas. Herdeiras conta historias de mulleres que quedaron silenciadas logo da Guerra Civil. Estréase este sábado 23 de setembro, ás 20:00 horas, no Teatro Principal.

María Rozas destacou "que este traballo non só sexa en clave de muller, senón que visibiliza a herdanza daquelas mulleres silenciadas e das que agora recuperamos a súa memoria". A concelleira agradeceu tamén a participación de todas as institucións e persoas que están detrás de Herdeiras.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, sinalou tamén que este proxecto "visibiliza historias de mulleres que a Historia deixou na sombra". Ademais, "na estrea proxectarase un vídeo de Margarita Ledo no que se poderán ver mulleres que superaron épocas difíciles". Para Valentín García, a autora, Carme Penim, "empodera as mulleres co tránsito que lles tocou vivir".

A autora de Herdeiras agradeceu a confianza de todas as institucións que apoiaron o proxecto. Penim declarou que Herdeiras naceu da memoria histórica, pero o tema é máis amplo, pois non só lembra as mulleres despois da Guerra Civil, senón que podemos contextualizalo nas mulleres no mundo actual, que sofren todo tipo de violencias". Apuntou tamén que "as mulleres non deberan competir entre elas, senón que deben ir unidas da man para sacar o mellor delas para o mundo".

Finalmente, a coreógrafa Xiana Vilas apuntou que "este traballo era moi fermoso, quedei moi contenta coa coreografía para algunhas das cancións" e que "o reto era ese, facer unha coreografía relacionada con cada canción".

Libro-CD
Herdeiras é un libro-CD no que colaboran netos/as e fillos/as de persoas represaliadas na época da guerra e a posguerra, e as principais intelectuais e poetas de Galicia que produciron obras relacionadas.

O proxecto recolle a música de Carmen Penim sobre poemas de Helena Villar, Carmen Blanco, Eva Veiga, Marga do Val e Marta Dacosta; unha serie de artigos breves e acurtametraxe de Margarita Ledo Bucle. Todo isto plasmouse nun espectáculo de presentación ao público este sábado 23 de setembro, ás 20:00 horas, no Teatro Principal.

Compartir: