ALCALDÍA

O alcalde sumouse á homenaxe a Ánxel Casal

19/08/2017 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, participou hoxe na homenaxe a Ánxel Casal celebrada en Teo, cando se cumpren 81 anos do fusilamento do que fora rexedor de Compostela.

Durante o acto, déuselle lectura a unha declaración institucional na que se reivindicou a "Ánxel Casal e a todas as vítimas do levantamento militar de 1936, reclamamos o dereito a recuperar a memoria, a que as vítimas do golpe de Estado que acabou coa democracia, que quebrou a orde constitucional republicana, sexan recoñecidas como tales". Ademais, a declaración institucional proclamou "a necesidade de construír unha sociedade baseada no diálogo, o respecto, a liberdade, a igualdade e a non discriminación social e económica".

A homenaxe a Ánxel Casal, que xuntou a representantes dos concellos de Arzúa, Santiago, A Coruña e Teo, tamén serviu para mostrar novamente a repulsa polos atentados terroristas de Cataluña. O acto rematou cunha ofrenda floral no lugar onde foi abandonado o corpo sen vida de Casal, e coa interpretación do himno galego.

Compartir: