ECONOMÍA E FACENDA

O Concello logra un superávit de 7,9 millóns de euros

23/06/2017 A aposta polo mantemento ten o seu reflexo na liquidación de 2016 cunha execución do 91%. A maiores, continúanse saneando as contas municipais, situando a débeda en 39 millóns de euros.

A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, deu conta hoxe da liquidación do exercicio orzamentario de 2016 que arroxa un remanente positivo de tesourería de 7,9 millóns de euros.

A concelleira fixo fincapé no saneamento das contas públicas realizado polo goberno local que sitúa "o nivel de endebedamento do Concello na cifra máis baixa da súa historia, situándose nun 39,32%". Como explicou María Rozas, trátase dunha cifra que se sitúa moi por debaixo do límite legal que está no 75%. "Isto permitiranos", lembrou, "aforrar en xuros de débedas que ten contraídas o Concello dende hai moitos anos e que teñen tipos de interese bastante elevados".

Aposta polo mantemento
Outro dos datos que nos dá esta liquidación de 2016 é o que confirma esa aposta polo mantemento feita nos orzamentos do ano pasado, o exercicio con maior nivel de gasto en mantemento dos últimos dez anos. "Estamos a falar", explicou Rozas "dos contratos de mantemento de reparación de viais, de edificios municipais, instalacións deportivas, centros educativos, etc que priorizamos fronte a outros gastos".

A cantidade invertida ascende a 2.005.215 euros, o que significa o 91% de execución. Mentres en 2006 o gasto en mantemento de viais apenas alcanzaba os 350.000 euros, en 2016 esa cifra superaba os 1.500.000 euros.

En relación ao capítulo de obras e investimentos, a concelleira informou de que a execución se situou no 22%, unha cifra "non tan positiva como outras que nos pode dar a liquidación e que confirma o problema estrutural que observamos o ano pasado". A iso hai que sumarlle o feito de que o capítulo de investimentos do 2016 estaba moi vinculado a fondos externos como os dos ARI’s de Fomento ou os fondos EDUSI que, a día de hoxe, aínda non foron transferidos polo Estado.
"O ano pasado apostamos os fondos propios ao mantemento conseguindo unha execución do 91% e decidimos dedicar pouco orzamento propio a obras e case todo procedente da EDUSI e doutras fontes, fondos que non chegaron", explicou María Rozas.

A maiores, a entrada en vigor do orzamento no mes de abril supón que queden moitos investimentos sen computar no 2016, que pasarán a contabilizarse no orzamento de 2017, que entrou en vigor antes que o exercicio anterior. Finalmente, o Auditorio de Galicia ten un remanente positivo de 167.752,91 euros, e unha execución global en torno ao 95%.

Saneamento das contas
En definitiva, o exercicio de 2016 amosa unha situación financeira do Concello positiva, cun superávit de 7,9 millóns de euros que permitirán continuar saneando as contas municipais e executar investimentos financeiramente sostibles.

Compartir: