XUNTA DE GOBERNO

Aprobadas as normas de seguridade para as cacharelas de San Xoán

26/05/2017 A Xunta de Goberno aprobou hoxe as normas de seguridade para a celebración das cacharelas de San Xoán tanto en espazos públicos como privados. Estas normas fanse extensivas á celebración de cacharelas durante todo o mes de xuño, sexa a noite do 23 ou calquera outro día. A celebración das cacharelas/sardiñadas na vía pública está suxeita á corresponde autorización. As que se desenvolvan en terreos de propiedade privada deberán presentar comunicación previa da actividade.

O prazo para solicitar os permisos para as cacharelas e/ou sardiñadas estará aberto dende o día 1 de xuño ata o día 16. O modelo de solicitude está a dispor da cidadanía na Oficina de Atención ao Cidadán, na rúa Salvador Allende, ou nesta web municipal.

As cacharelas de particulares, asociación e colectivos solicítanse no Rexistro Xeral do Concello en horario de 9:00 a 14:00 horas. Os particulares tamén poderán facer a súa solicitude a través da páxina web do Concello. Para obter a autorización é preciso cubrir todos os datos persoais que figuran na solicitude, xunto co teléfono de contacto e unha fotocopia do DNI da persoa responsable, así como dun plano cando se trate de cacharelas en espazos públicos.

Na vía pública só se poderán celebrar as cacharelas ou sardiñadas solicitadas por colectivos ou asociacións. Cando haxa máis dunha solicitude para o mesmo espazo público, atenderanse por número de entrada no Rexistro. As solicitudes dos particulares feitas a través da páxina web contestaranse a través do correo electrónico facilitado. As autorizadas na vía pública publicaranse na páxina web do Concello.

Normas de seguridade
As cacharelas estarán prohibidas na praza do Obradoiro, Quintana, Toural, Praterías, San Martiño Pinario, Cervantes, Inmaculada, Mazarelos, San Miguel, Irmán Gómez e San Agustín.

Todas as cacharelas celebradas nos espazos públicos serán inspeccionadas previamente tanto pola Policía Local como polos Bombeiros, para asegurar que cumpran os requisitos esixidos en canto a volume, separación entre árbores e edificios e pavimento.

Na zona urbana, o volume do combustible da cacharela non superará os 2 metros de diámetro e os 6 de perímetro, nin o metro de altura. Na zona rural, non se sobrepasarán os 3 metros de diámetro ou 9 de perímetro. Cando as cacharelas se fagan sobre terreos de uso público lousados, protexerase o pavimento cunha capa de area de 10 centímetros.

A separación entre as cacharelas, edificios, árbores, vehículos e mobiliario urbano será como mínimo de 12 metros, excepto no casco urbano. Como é habitual, estará prohibida a queima de pneumáticos, plásticos, espumas de poliuretano, aceites e, en xeral, calquera substancia que desprenda fume tóxico. Ao rematar a cacharela, os organizadores aseguraranse de que non quedan cinzas acendidas, e terán a obriga de limpar o espazo utilizado para a actividade.

Compartir: